Adrián Ben: «Cheguei de milagro para correr e pouco puiden quentar»

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

ANTONIO BEN

O atleta viveirense do FC Barcelona pechou a tempada cun novo récord nacional nunha carreira que case se perde por un despiste co horario

29 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Adrián Ben pechou a tempada e a súa brillante etapa como atleta júnior cun novo récord nacional júnior, o terceiro dos últimos meses. Na derradeira xornada do concurso en pista de Pontevedra, a estrela viveirense do FC Barcelona converteuse no novo plusmarquista español dos 500 metros, logo dunha fermosa e interesante carreira na que marcou un tempo de 1:02.78 e que case se perde por un despiste co horario. «Cheguei de milagro para correr a apenas puiden quentar dez minutos», conta.

-¿Que pasou?

-Pasou que adiantaron dez minutos a carreira sobre o horario establecido nun primeiro momento e eu non estiven demasiado pendente. Teño que agradecer á organización e ao resto de atletas que tiveran a deferencia de esperar uns minutos por min. Cheguei de milagro para correr, co tempo moi xusto, e apenas puiden quentar dez minutos.

-Pois quen o diría... Vitoria e récord de España

-Foi unha boa maneira de pechar unha tempada xenial, a mellor da miña vida. Estou enormemente contento polos resultados e pola progresión.

-¿Por que elixiu o 500 metros?

-O ano pasado decanteime pola milla e este ano apetecíame probar nos 500.

-¿Foi a polo récord?

-Mirei en canto estaba e díxenme: ‘vouno intentar’.

-Agora toca descansar. ¿Ata cando?

-Supoño que dúas o tres semanas, aínda non teño data para a volta aos adestramentos. Será o meu adestrador, Arturo Martín, quen o decida.

-O día 10 de agosto dispútase en Viveiro a carreira nocturna que leva o seu nome.

-Alí estarei. Non penso perderma, o que non teño claro aínda é si correrei ou non.

-A próxima tempada debutará na categoría promesa. ¿Xa ten metas?

-Poñereinas en setembro. O que teño claro é que a esixencia será maior que ata agora.