«Non teño maniotas, pero aínda sufro algún mareo»

Iván Díaz Rolle
I. DÍAZ ROLLE VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Iván Marrube completou o Ironman de Vitoria

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

3.000 deportistas participaron o domingo no Ironman de Vitoria. Tres homes formaron a expedición mariñana. Foron o alfocense Javier Carreiras, quen non puido participar por unha lesión; Xosé Segurado, retirado por unha doenza; e Iván Marrube (Alfoz, 1980). Este último si venceu a longa distancia -3,8 kilómetros a nado, 180 en bicicleta e 42,2 a pé- nun tempo de 13 horas, 42 minutos e 59 segundos.

-O deporte vaille nos xenes.

-Meu irmán Juanma (adestrador do Pescados Rubén) é o deportista de elite, pero algún pique haberá agora nas comidas familiares. Xoguei ao fútbol con el ata os 16 anos, logo el pasouse ao fútbol sala e eu seguín no Alfoz e no Valadouro. Aínda que logo o cambiei pola política.

-Fixera antes algunha proba así?

-O medio ironman de As Pontes.

-Custaríalle prepararse logo.

-Pódese dicir que estudei a última hora para sacar un cinco. No último mes, co traballo, tiven que sacar tempo de onde non o había. Comía un sándwich e ía á piscina moitas veces en vez de comer ben. As fins de semana adestraba máis duro.

-Foi duro?

-Foino; sufrín. Pero foi unha experiencia enriquecedora. É un adestramento mental brutal, porque a media carreira dóeche todo e a túa batalla mental por conseguilo é tan importante ou máis que o físico. Xa feito, parece fácil, o importante é propoñelo de verdade.

-E canto se tarda en recuperar?

-Acabei moi canso, doíame todo. Non teño maniotas, pero aínda sufro algún pequeno mareo. Sinto o corpo debilitado.

-E que me di do ambiente?

-Estiven no maratón de Roma e case non había xente nas rúas. Aquí foi espectacular, había moita xente na carreira a pé, parecía un estadio de fútbol.