«Unha muller pode dirixir un club de fútbol incluso mellor que un home»

Ignacio Meitín Buján
i. meitín buján BARREIROS / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

As razóns afectivas levárona á presidencia do Iberia. «Máis que unha xunta directiva somos unha familia», sinala

09 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A última asamblea do Iberia Club de Fútbol, equipo da Segunda Autonómica, deixou unha única novidade. Pero de alcance. Logo dun decenio na presidencia da entidade, Jesús Otero, Valea, cedeu o cargo a Noela Fernández (San Miguel de Reinante, 1979), unha muller que sente as cores do equipo cunha paixón exemplar e tremendamente entregada en todo o que teña que ver co desenvolvemento e a promoción da súa parroquia en Barreiros.

-Cóntanme que é vostede unha muller moi polifacética...

-(risas) É certo, moito máis do que debería. Levo uns dez anos na directiva do Iberia, pertenzo ao grupo de baile de aquí, Arco da Vella, e tamén son presidenta da asociación Os Espigueiros de San Miguel, que nos dedicamos a recuperar a historia do pobo e a ensalzar o valor do noso. Antes tamén estiven metida no grupo de teatro, na asociación de veciños, na comisión de festas... E ademais son mestra.

-Entón non terían que insistirlle moito para asumir a presidencia. De disposición vai sobrada

-Non, a verdade é que non. Levamos moi tempo xuntos e máis que unha directiva somos unha familia. Iso si, cando mo plantexaron preguntei: ‘¿é moi difícil iso?’

-¿É a única muller na directiva?

-Tamén está miñá irmá. Damos abondo que facer e aínda lles botamos alguna que outra bronca aos homes... (risas). Temos a sorte de estar rodeadas por un grupo de compañeiros excepcionais que nos apoian e confian plenamente en nós. É que ás mulleres tamén nos sobra capacidade para dirixir un club de fútbol, podemos facelo igual de ben ou incluso mellor que os homes.

-Pois aínda hai quen pensa que o fútbol é cousa de homes. Chega con escoitar os comentarios dalgún afeccionado cando arbitra o partido unha muller.

-Ben o sei. Desgraciadamente aínda estamos bastante lonxe da igualdade no mundo do deporte. En pleno século XXI non debería ser noticia que unha muller sexa presidenta dun club de fútbol, pero si o é, e ademais valóranse moito máis os éxitos masculinos que os femeninos, sexa no fútbol ou en calquera outra disciplina. -O Ribadeo e o Cervo tamén están presididos por mulleres. ¿Coñéceas?

-Á do Cervo non. Á do Ribadeo si e teño unha boa relación con ela.

-¿Pediralle consello?

-Aínda non a vin... Cando a vexa, seguro que si, aínda que xa estou moi ben aconsellada polos meus compañeiros de directiva.

-¿De onde lle vén a afección ao fútbol?

-A min o que me gusta é o Iberia, non o fútbol nin o Real Madrid ou o Barcelona. Vivo a cinco minutos do campo de As Valgas e o Iberia é algo máis que un club para a miña familia. Meu avó xa se ocupaba de matar as toupas no campo de fútbol e eu ía con el cando era moi pequeniña; meu pai ten agora 82 anos e leva toda a vida arroletando, pasándolle o pisón ao terreo de xogo, e tamén o acompañaba... As Valgas era o meu lugar de xogo cando era nena, como non vou querer a este club.

-¿Preocúpalle algo desta nova experiencia?

-Que non haxa contratempos, que o equipo cumpla os seus obxectivos...

-¿A meta é o ascenso?

-A meta é quedar o máis arriba posible na clasificación.