«Unha das premisas da literatura romántica é que teña un final feliz»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Hoxe presenta «La luna en tus manos», éxito en dixital e segunda edición en papel

10 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O último libro de Rita Morrigan, pseudónimo de Lucía Sánchez Meitín, leva por título La luna en tus manos. Editado primeiro o ano pasado en versión dixital, que foi todo un éxito, en marzo saíu en papel e ao mes da súa publicación xa se esgotou a primeira edición. Vai pola segunda. Preséntase hoxe en Xove. Estivo firmando nas últimas feiras dos libros celebradas tanto en Madrid como en Barcelona, neste último en pleno Sant Jordi.

-¿É lectora de ebook e/ou papel?

-O dixital é máis barato e eu a veces merco primeiro o ebook e logo o libro en papel. Pero case todos os libros os teño en papel.

-Cantos ten na casa?

-Nunca os contei. Teño cubertas paredes enteiras e ata nos ocos das estanterías, en vertical e horizontal... estilo Tetrix.

-Algún exemplar especial?

-La ciudadela de Joseph Cronin. Foi un libro que atopei na miña casa en Vilachá perdido e me puxen a ler de maior. Está tan vello tan vello tan vello... que está descosido e cáenlle as páxinas. Comecei a lelo e resulta que non me din conta que estaba sen final. Pasou o tempo e nun mercado de segunda man en Pontevedra, paseando, atopeime con La ciudadela. Tireime a el, collín o libro e acabei de lelo. Compreino so para ler o final. É a historia dun médico que chega a provincias. Gardo o libro vello e ao lado o novo e completo. O vello ten raiaduras de cando empezaba a escribir e garabateaba nel, cando era nena. Téñolle moito cariño.

-A algún lector lle pasou cos seus libros algo parecido, de desgastalos de tanto lelos?

-Espero que non perdesen o final! Con La ciudadela, teño unha idea moi romántica... penso me atopou el, o libro, a min.

-Coñece alguén que relera moitas veces as súas novelas?

-Si hai xente me dixo que lle gustaba lelo en certas épocas ou persoas que din que nas malas axudoulles a olvidar problemas.

-Os libros, en xeneral, teñen esa compoñente de evasión, non?

-Cando vives a literatura romántica, unha das premisas é que teña un final feliz, pese a pasar por situacións e conflitos... pero no que a trama se vai desenvolver positivamente. De vez en cando fan falla cousas así... É dicir, que a historia acabe ben.

-Como aborda o tema mítico do «príncipe azul» nas novelas? Alguén me dixo unha vez que Disney fixera moito dano...

-Incluso cando os meus libros son históricos e te tes que axustar á época, eu teño que identificarme con todas as miñas protagonistas femininas. Elas nunca van estar agardando que ninguén as rescate, van agarrar a vida e responsabilizarse dela. Son independentes. De feito, é un gran conflito que unha muller desa época antiga sexa independente, é revolucionario e é difícil nunhas épocas nas que había tantas restricións. Os libros baseados na actualidade, sen embargo, xa me permiten xiros, comportamentos e linguaxe que non me permite o histórico.

-Fale de «La luna en tus manos».

-É histórico, a diferenza de Corazones en el café, co que gañei o Premio Vergara. Está ambientada no século XIX e situada en Inglaterra e en Cuba, no mar Caribe. É a historia de María Lezcano, filla de empresario español e de inglesa, e a dun rapaz que adopta a familia de María de pequeno. Os nenos medran e despois danse de conta de que están namorados. É o conflito entre o querer e o deber.

DNI. Os seus libros. A cita.

DNI. Vilachá-Xove.

Os seus libros. Ademais de «La luna en tus manos», «Corazones en el café», «El sueño de una bruja», «Dulce camino espinoso», «Íntimo sendero de magia» y «Perfecta para mí».

A cita. Hoxe, sábado, presenta «La luna en tus manos» no Centro Cívico de Xove, ás 19.30 horas.

 

un libro especial

Lucía conserva con cariño dous exemplares de La Ciudadela de Cronin, un vello sen final no que garabateaba con 3 anos cando seu pai lle ensinaba a escribir e outro novo e enteiro