«A Copa é unha festa na que todos partimos coas mesmas opcións»

Iván Díaz Rolle
I. DÍAZ ROLLE BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

f

O técnico burelista dá ao seu equipo o papel de «tapado» na loita entre os oito mellores da Liga

08 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O tándem técnico composto por Iván Cao, «Lucas», e Julio Delgado afronta dende mañá en Poio a súa terceira Copa de España ao mando do Pescados Rubén-Burela. Nas dúas anteriores experiencias só o Atlético na final evitou que o título viaxase á Mariña. Agora Lucas admite que afrontan a competición cun papel “menos favorito”, pero coa mesma ilusión de facer «algo grande».

-É unha semana especial, non?

-Si, vívese dunha forma distinta. A Copa de España é o trofeo máis bonito da tempada. A liga premia ao máis regular, pero isto é unha festa na que todos partimos coas mesmas opcións.

-Tras dous anos en Madrid, que lle parece a sede de Poio?

- Para nós é bonito. Estamos en Galicia, máis preto da casa e da nosa xente. E hai tres equipos galegos aquí, o cal indica que isto debe ser unha festa do fútbol sala galego, porque se están facendo as cousas ben.

-Gústalle o formato de oito equipos?

-Nunca se debería ter perdido. Fai máis bonita esta competición e tamén a Liga, que non perde interese porque hai máis cousas en xogo. A nós prexudícanos, porque a Copa é máis longa e temos unha rotación curta, pero se cadra o ano que vén nos beneficia.

-Complete a frase. Que o Atlético non gañase esta Copa sería...

-Algo non tan raro. Arrasaron na Liga, pero hai varios equipos que poden facerlles fronte, e máis a un partido. Coa lesión de Ari, ademais, perden enteiros.

-Pensa que O Burela-Ourense de cuartos está ao cincoenta por cento?

-Por clasificación, traxectoria, incluso polos nosos resultados nos últimos partidos, é a priori a eliminatoria máis igualada. Aínda que creo que, excepto o Majadahonda-Atlético, que parece máis desigual, nas outras dúas tamén pode pasar de todo.

-Ata onde pode chegar o Burela?

-Pensamos en chegar á final e gañala, pero sabemos que é moi complicado. De momento hai que centrarse no Ourense, e se gañamos ese partido xa comezaremos a traballar no seguinte.

-Pero afrontarana dun xeito distinto a 2015 e 2016, non?

-Daquela o noso favoritismo era moito maior. Agora fomos cuartos, e somos un equipo tapado, pero mantemos a mesma ilusión de facer algo grande. A iso imos. O equipo está canso, leva moitas xornadas cunha rotación moi curta, pero de ilusión vai sobrado.

-Dany dixo que chega ben. E Bea Mateos?

-Intentaremos que chegue, pero aínda que o faga non será ao 100 %.