Unha de patacas

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

antón caxoto

30 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

oubemos que tiñamos a couza guatemalteca nas patacas cando en Xinzo de Limia, terra pataqueira e de grandes escritores coma Carlos Casares ou Antón Riveiro Coello, estaban ultimando os preparativos do Domingo Fareleiro e mentres na Coruña colgaban os carteis que anunciaban o entroido cun pontífice de fuciño colorado, algo que lle pareceu mal a algunha viúva de Lugo. O mundo está interconectado.

Deunos tempo de pasar a coresma, sacar aos santos en procesión e de ler «Vento ferido» e «A ferida do vento» ata que cara o final desde maio longo, a acusación contra o concelleiro de Culturas da Coruña quedara arquivada. Ben nos aledamos tanto polo concelleiro Sande coma polo debuxante Guitián, coma por todos.

E así, onte, hoxe e mañá, estarán en Mondoñedo as autoridades competentes recollendo todas as patacas da contorna (tamén en Foz e Burela). Noutros concellos afectados xa as requisaron con anterioridade e outros serán visitados en días vindeiros.

A pataca chegou a Europa por terras da antiga provincia de Mondoñedo. Agora na vella provincia mindoniense non se poden cultivar patacas. A prohibición de sementar o tubérculo está establecida para un par de anos, mínimo, segundo se puido saber. En Inglaterra deixaron de cociñar nos fogares uns poucos anos por mor das guerras e perderon a cultura culinaria.

Estou convencido de que esta corentena algo vai cambiar en nós, posiblemente afecte ao noso sentido do humor, ás preferencias estéticas, ou vai ti saber a que.

Deixamos de facer nosos os principios activos da Canabé e mutamos en comedores de patacas estériles Monalisa cultivadas en Francia.

* Fran Bouso, mestre e escritor.