«Quédame a pena de non ter podido competir cos equipos da cabeza»

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O adestrador do Ribadeo avanza que moitos dos xogadores da actual plantilla xa garantiron a súa continuidade e que xa hai fichaxes case cerradas

30 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Preferente situou ao Ribadeo como o mellor equipo da Mariña. Perdeu un posto na derradeira xornada pola derrota fronte ao Arteixo (1-2) e rematou sétimo con 60 puntos. Fiz Rodríguez, o seu técnico, non ten máis que eloxios para o seus homes malia á pouca regularidade no arranque do campionato.

-¿Que sabor lle deixa a sétima praza?

-Tendo en conta que no inicio non fixemos máis que tres puntos de dezaoito, acabar tan arriba non está mal. De calquera xeito, quédame a pena de non ter podido competir cos equipos da cabeza, que era o obxectivo cando empezou a liga. Estivemos a piques de engancharnos pero non fomos capaces.

-¿A onde tería chegado o Ribadeo sen tantas lesións?

-Non tivemos sorte cas baixas. Non é normal perder aos dous porteiros e sufrir catro lesións de xeonllo case a un tempo, se ben no arranque da competición non tiñamos baixas e tampouco sumamos o que debíamos.

-¿O triunfo en Cantarrana foi o que mellor lle soubo?

-Xa o dixen no seu momento. É moi bonito gañar un derbi e máis nun escenario como Cantarrana, pero acadamos vitorias tanto ou máis importantes. En Mugardos, con baixas e inmersos nunha dinámica moi perigosa; en Soneira, con tres xuvenís; ou os da casa ante o Noia, o Laracha ou o Estudiantil, aos que incluso goleamos.

-¿E cal foi a derrota máis amarga?

-Posiblemente a do Polvorín, en Lugo, por como se produciu.

-¿Quen diría que foi o xogador máis regular do seu equipo?

-Todos. Sería inxusto que nomease só a un. Podería mencionar ata a Cube, que foi un dos que menos participou e sempre se mostrou disposto a axudar. Era o primeiro en animar aos compañeiros cando as cousas non saían ben, sempre disposto a traballar... Un compañeiro exemplar.

-Teñen o compromiso de renovación da práctica totalidade da plantilla. ¿Certo?

-Si. Un número importante de xogadores xa garantiron a súa continuidade. Faranse oficiais nos próximos días.

-Tamén teño entendido que o acordo con Tichu, do Castro, está pechado.

-Esa fichaxe e algunha outra están moi avanzadas.

-¿Algunha baixa confirmada?

-A de Xaime, o preparador físico, un dos homes máis importantes na historia recente do club. Boa parte dos últimos éxitos do Ribadeo débense ao seu traballo. Botarémolo de menos.

-¿Que liñas necesitan reforzar?

-O fundamental é manter o bloque. Dándolle continuidade a esta plantilla, e cun par de xogadores máis de certas garantías, poderemos aspirar a cousas importantes a tempada que vén.