«Ten moito mérito estar outro ano en Segunda División B»

Iván Díaz Rolle
IVÁN DÍAZ XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

«Somos un club de xente moi nova, na cancha e tamén na directiva», destaca o xogador do Onde Sempre-Xove FS

27 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia as baixas que condicionaron o seu rendemento, o Onde Sempre-Xove cumprirá o seu terceiro curso en Segunda División B. Bruno de Nois foi un dos homes chave para Javier Pardeiro, e tamén un dos poucos que se mantiveron incumbustibles durante toda a campaña.

-Que balance fai da temporada?

-Foi complicada polas baixas e demais problemas. Pero despois dos cambios, de que chegase tanta xente nova, foi positiva porque cumprimos o obxectivo principal, a permanencia. Ademais non sufrimos tanto como outros equipos, tivemos marxe.

-Fíxose longa?

-Si, porque houbo problemas de xente incluso nos adestramentos. E ademais o calendario foi raro, con paróns sen moito sentido.

-Faltoulle pouco para acadar unha praza de Copa Xunta...

-Cando conseguimos a permanencia, comezamos a pensar nilo. E loitámolo ata a última xornada. Contra o Leis, eles xogábanse a vida, pero foi igualadísimo porque nós tamén buscábamos un obxectivo. Perdimos 2-1, pero volvimos orgullosos do traballo.

-Onde estaría o Xove sen os problemas de Manu, Nete, Antón ou Cora?

-Vistos todos os equipos, entre os seis mellores tranquilamente.

-Son un equipo moi novo...

-A aposta que fixo o club foi positiva. Os chavales que viñeron da canteira do Burela aoportaron e foron medrando. É positivo para nós, para o Burela e para o fútbol sala da zona.

-Houbo momentos duros, non?

-Hai que entender que somos un club de xente moi nova, na cancha e tamén na directiva, ten moito mérito estar outro ano en Segunda B. Traballamos con moita ilusión e respectando este deporte en tódolos ámbitos, con humildade, intentando superar todos os inconvintes. Falouse das nosas miserias, pero traballamos a partir delas para mellorar.