«Os xogadores de Celtas e Viveiro íamos de cañas xuntos despois dos derbis»

Iván Díaz Rolle
I. DÍAZ ROLLE BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Un dos nomes máis destacados que deu o baloncesto da Mariña segue como técnico e, ás veces, xogador do Burela aos 47 anos

22 may 2017 . Actualizado a las 12:23 h.

Foi un dos xogadores de baloncesto máis brillantes que deu a comarca da Mariña, e cando se retirou, no 2010, xa entrado nos 40, afirmou a este periódico que, «por forzas», podería seguir xogando. Así ademais o corroboran os feitos. Manolo Cobas (Burela, 1969) é agora o adestrador do CB Burela, en Terceira Autonómica, e en varias ocasións durante as dúas últimas tempadas se vestiu de curto e botou unha man aos seus pupilos dende dentro da cancha.

-Entendo que seguen sen faltarlle forzas...

-En parte é triste. Fixen ficha porque no equipo temos moita xente estudando, que algunha fin de semana non pode xogar, e xa tiven que participar nalgún partido. E houbo partidos nos que o fixen ben, malia ter 47, case 48 anos. Iso demostra que o nivel do baloncesto baixou moito, aínda que tamén hai que ter en conta que xogamos na categoría máis baixa do baloncesto.

-Comezara a xogar ao baloncesto tarde, non?

-Si, xa tiña 17 anos. Foi no ano 86. Antes xogaba ao fútbol, e incluso tamén ao balonmán, que aquí en Burela había un equipo onde xogou José Carlos. Pero eu decanteime polo baloncesto porque foi o que máis me gustou.

-Sería moi distinta a súa vida sen terse decantado polo baloncesto?

-Supoño. Calquera deporte que practiques dáche uns valores que se poden aplicar á vida: compañeirismo, amizade, esa rivalidade só a nivel deportivo... Acórdome de ter partidos contra o Celtas de Foz cando xogaba no Viveiro nos que nos íamos de cañas xuntos os dous equipos cando acababa o partido. Na pista había rivalidade, loita, calquera partido é unha forma de liberarse, pero as cousas nunca saen dela. Eu protestaba moito aos árbitros, e agora lévome moi ben con todos os que me pitaron. O deporte tamén é unha vía de escape á nosa vida cotiá. A min o baloncesto dáme iso; a outra xente dállo o xadrez, a pintura ou a literatura...

-E non pensou nunca desligarse do baloncesto definitivamente?

-Hoxe prefiro non xogar. Pero hai veces que é imprescindible. O outro día, en Lugo, por exemplo, éramos seis. Non me quedou outra. É certo que cada ano acabo cansado, e digo: «Agora si que me retiro». Tras todo o ano adestrando e levando equipos, un acaba cansado. Pero despois pasas dous meses sen baloncesto e xa che entra o mono.

-Cal é o mellor momento que viviu nunha cancha?

-As fases de ascenso que xoguei foron moi bonitas. Pero o partido que a min me marcou a nivel persoal, do que sempre falamos cando nos xuntamos en ceas, foi un que xoguei no Viveiro contra o Ferrol. Gañábamos de dous, faltaban 11 segundos e eles tiñan posesión. O adestrador pediunos que non fixésemos falta, pero sacáronlle a un compañeiro un dous máis un a falla de cinco segundos. Pero fallaron o tiro libre, collín o rebote, tirei desde o medio do campo e encestei. Esa vitoria meteunos nunha fase de ascenso a Nacional que despois superamos.

-E o peor?

-O descenso de Nacional co Celtas, e tamén a desaparición do Viveiro. Alégrome moito de que este deporte volvese a Viveiro.

-Como se superan eses malos tragos?

-Eu en xeral divertinme sempre cando entrei nunha cancha de baloncesto. As derrotas doen, pero ao final danche o que é a vida. Se caes, tes que levantarte.

-Xogou varias fases de ascenso a EBA. Estaba capacitado para xogar máis arriba?

-Ás veces pénsalo. Nunha fase co Viveiro, se Iago Losada metese unha tripla que tivo, seríamos campións e teríamos praza de ascenso. Despois non sei se tería sido viable economicamente. Pero non é algo que me pese demasiado. Eu estaba a gusto no grupo de xente que tiven no equipo e non me plantexaba máis. Tamén subir podía ser perigoso. Ao Celtas pasoulle, faste filial do Breogán, vén xente de Lugo e non se ten en conta aos de aquí.

De todos modos, aquela Nacional era fortísima, equivalente á EBA agora. Lembro que en pretempada sempre viña o OAR, que estaba no que agora é a LEB. No primeiro partido, nós levábamos unha semana adestrando e eles un mes, e gañábannos de 30. Cando lles devolvíamos a visita, con máis adestramentos, sufrían moito contra nós. Aquilo demostra que tíñamos un nivel altísimo, por iso estou a gusto co que logrei, por onde xoguei, e sobre todo tamén polos compañeiros cos que compartín todos eses momentos.

-Pero nunca tivo ofertas para saír da Mariña e probar noutra categoría?

-Nada serio. Nin a tiven nin mo plantexei. Creo que todo o mundo sabía que a miña vida laboral, ao ter a libraría, tampouco mo permitía. E nunca tiven intencións. Falando con rivais e adestradores sempre deixei claro que non pensaba niso. A única posibilidade foi cando empecei. Viñeron uns técnicos do Ourense, e quixeron levarme. Pero pensaban que tiña menos idade, cando viron que xa tiña 17 e estaba a piques de pasar a sénior xa me descartaron.

-Que lonxe queda iso dos equipos mariñáns en Nacional, non?

-É moi complicado, porque hoxe todos os rapaces priorizan os estudos, o cal é lóxico, porque diso vai depender a súa vida, non do baloncesto Se nuns anos atopan traballo por aquí e van volvendo, podería ser que se dea un impulso, pero é complicado. E máis tendo hoxe cinco equipos na zona.