Jumping máis muiñeira

Yolanda García Ramos
Yolanda García OPINIÓN

A MARIÑA

22 may 2017 . Actualizado a las 20:46 h.

Está máis que claro e visto que o mundo das redes sociais é máis que impresivible. O que vai pasar cando se colga algo en Internet é en ocasións unha verdadeira incógnita. Non sei se chamar ao Cuarto Milenio de Íker Jiménez porque esta semana tivo lugar dende A Mariña, dende Viveiro, un fenómeno internauta extraordinario. Utilizo este calificativo porque non pasa todos os días que un vídeo mariñán chegue a ser viral. Pero iso foi o que pasou cun dos que adoita facer Lorena Díaz do ximnasio Sala 5 situado en Covas cos seus alumnos de vez en cando. E simplemente co ánimo de amosar as súas coreografías e actividades, sen máis intención. O último facía un alegre guiño ao Día das Letras Galegas e esa pequena gravación dunha sesión de jumping, ao ritmo dun remix da muiñeira Sementeira de Fuxan os Ventos que DJ Goro fixo hai 15 anos, e as alumnas con pano na cabeza e mandil, acabou sendo todo un éxito dixital, para sorpresa maiúscula da súa autora e das súas pupilas.

Non é para menos. Onte no Facebook de La Voz de Galicia pasouse a barreira do medio millón de reproducións, sen contar as máis de dez mil reaccións, outras tantas veces compartido e máis de medio millar de comentarios, sendo a enorme maioría de aplauso á iniciativa. A verdade é que os datos abraian, si.

E tanto foi o éxito que non tardaron máis medios en facerse eco, remarcando esa forma orixinal e simpática de celebrar o Día das Letras Galegas. Tamén con elas houbo outro mérito a maiores, lograr que se falase da nosa festa da lingua galega e pechar Noticias Cuatro o pasado xoves.