«O condutor debe adaptar a velocidade e adiantar só cando haxa visibilidade»

I. D. R. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Vicente López Gómez e a súa irmá María abriron hai uns meses a Autoescuela Logo Mundial, en Viveiro. Manu explica algunhas das claves para a convivencia nas estradas entre ciclistas e vehículos. «O básico é que ambos, condutor e ciclista, teñan en conta que o que vai na bicicleta é máis vulnerable, e o respecto mutuo», explica.

-Que di a lexislación?

-Os ciclistas poden circular en paralelo, pero só se non hai aglomeracións e a visibilidade é boa, o cal en Galicia xa dá bastantes complicacións, polas curvas das estradas e polo tempo. Ademais, para ir a 45 km/h durante moito tempo hai que ser practicamente profesional, polo que o máis aconsellable é ir en fila de a un. En xeral adáptanse porque son conscientes de que son a parte máis débil. Soen ser prudentes, pero hai que non sinaliza as súas manobras. É moi importante facelo, igual que deben os coches. Tamén é importante que leven prendas reflectantes, que o soen facer, de feito os maillots cada vez son máis rechamantes.

-E respecto aos condutores?

-Cando hai accidentes, habitualmente é culpa das imprudencias dos condutores. Deben adaptarse á velocidade dos ciclistas e adiantar só cando haxa visibilidade. Se atopas a un grupo, hai que actuar como se fose un camión, non podes ir adiantando de un en un, senón que hai que pasar a toda á unidade á vez. Cando haxa seguridade e visibilidade, podéselles pasar en liña continua, sempre que se deixe un metro e medio de separación lateral. Ademais, os ciclistas están obrigados a circular polo arcén, é importante que teñamos en conta que se imos no coche e imos xirar á dereita a preferencia é do ciclista, e normalmente xiramos sen mirar, e se queren que paren.