«Na música, eu necesito ver verdade»

y. garcía RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

foto miguel

Froito dun premio, un jingle seu será o oficial no Teatro de la Estación de Zaragoza

17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A ribadense Carme Rodríguez vén de gañar o II Premio Abanico de Vías en Zaragoza pola composición súa Huella de la Memoria. Camino a la Estación. Ademais de ser económico (dotado con 600 euros), conleva que a súa peza será difundida converténdose durante un ano no jingle oficial do Teatro de la Estación. «É unha pequena melodía -explica- que vai soar antes e despois das representacións que se fagan no teatro e vaise tocar enteira nun concerto que prevemos que se fará en outono».

-Dentro da súa carreira musical, en que está agora máis centrada?

-Agora estoume centrando máis na composición, máis rollo clásica. O meu obxectivo é facer bandas sonoras. Estou deixando de lado, un pouco, o de ser cantautora.

-Pero a Carme que todos coñecemos non cambia, non?

-No fondo non cambio, non. Son distintos fillos da mesma nai.

-O traballo de composición sempre parece algo como escondido. É máis visible quen interpreta esa peza musical composta.

-É un traballo máis na sombra, menos de cara ao público pero ao final o publico é o que recibe o traballo do compositor en primeira instancia. É outra maneira de entender a música. Hai moitas vías e moitas persoas para chegar a un público e o compositor é a primeira máis importante.

-Ten que desculpar pero case é inevitable preguntarlle polo que pasou en Eurovisión, que gañase Portugal cun tema moi alonxado do espectáculo televisivo que adoitamos ver nese certame.

-Foi o que dixo o gañador [Salvador Sobral], que se tiña que deixar de facer espectáculo para facer música. A conclusión que sacamos en claro en todos os momentos da música é que estamos vendo que a música que se vende e se compra está como falta de fondo. Estou de acordo con el. Fai falla verdade na música. Eurovisión é unha plataforma para ensinar a música que se está facendo. Na música, eu necesito ver verdade. Pero o que recibimos case as 24 horas do día é musica vacía. Esa ten a súa función, que é a de entreter, que nos sirve en moitas ocasións pero cando hai que falar da esencia da música o primeiro que ten que haber é verdade. O que me gustou da vitoria de Portugal era que cantase en portugués tamén. Estou nun 99% ligada a ese idioma. É a mostra da identidade.

-Xa non lle pregunto por España.

-(Sorrí) Niso creo que vamos a estar de acordo todos. O de España... todo o mundo xa sabe.

-Volvendo ao seu premio que é o esencial, como reaccionou?

-Estaba saíndo de clase e chamáronme. Para min foi unha sorpresa! Para tirar máis por este lado de composición envías moitas cousas a concursos, como método de traballo tamén, para intentar meterte neste mundo.

-Que autor de banda sonora sería o seu favorito, o máis?

-A verdade é que teño unha relación coa música de John Williams como de admiración a un nivel máximo. A de Harry Potter é a miña banda sonora non pola súa calidade senón pola importancia que ten na miña vida, porque crecín con ela e pola que me decidín dedicarme a isto. Vin moitísimas películas de Harry Potter. Igual que outras películas, está no meu crecemento.

-Proxectos en mente.

-Quero acabar a carreira ben. O principal será o concerto este do concurso, polo outono, onde presentarei a obra que gañou ee algunha máis miña. Compaxino as clases con enviar máis cousas a outros concursos, facer música para curtametraxes de alumnos que están comigo. Antes estiven estudando uns anos percusión no conservatorio, aprendín a tocar de forma autodidacta piano e guitarra, empecei a compoñer con 11 anos e toda a vida cantei na coral ribadense.

-Bota de menos Ribadeo?

-Si, boto moito de menos Ribadeo. Vou alí cando podo.