As Letras Galegas na Mariña

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

16 may 2017 . Actualizado a las 13:03 h.

Mañá, 17 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas. Esta festa ten unha relación moi directa coa comarca de A Mariña. Sen ir máis lonxe, un dos seus promotores foi un mariñán de Lourenzá, Francisco Fernández del Riego. O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega presentaron nesta institución unha proposta histórica: Que se declarase o 17 de maio de cada ano «Día das Letra Galegas» como data para «recoller o latexo material da actividade intelectual galega». Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego, expuñan que «con motivo de se celebrar aquel ano o centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a Academia debería establecer, con carácter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual”.

Ao longo dos cincuenta e cinco días de celebración que levamos ata o momento, houbo moitos autores homenaxeados vinculados a esta comarca, comezando por Eduardo Pondal (1965) quen tiña méritos dabondo para tal recoñecemento, pero que sen dúbida a iniciativa de Pascual Veiga de pedirlle unha letra para o Himno galego non desmereceu.

No ano 1969, o Poeta da Montaña, Antonio Noriega Varela foi o escollido. Un mindoniense, mestre en Foz, quen pasou os últimos anos da súa vida en Viveiro.

O xornalista, narrador e dramaturgo Antón Vilar Ponte, nado en Viveiro e que exerceu como farmacéutico en Foz onde editou un xornal foi homenaxeado en 1977.

Manuel Leiras Pulpeiro, natural de Mondoñedo, o médico dos pobres, autor de Cantares Gallegos recibiu o recoñecemento en 1983. Tres anos máis tarde (1986) o abadinense Aquilino Iglesias Alvariño, formado espiritual e humanísticamente no Seminario de Mondoñedo, onde tivo contacto cos intelectuais mariñáns, foi o escollido. O xenial Álvaro Cunqueiro recibiu honras no Día das Letras Galegas de 1991. En Guitiriz naceu Xosé María Díaz Castro, homenaxeado no 2014. Este poeta, autor de Nimbos, estudou nas aulas do Seminario de Mondoñedo durante cinco anos, tempo no que publicou artigos en xornais mindonienses.

Ánxel Fole ou Luís Pimentel e Manuel María tiveron, ao igual que o escritor homenaxeado nesta edición, moita relación coa Mariña. O autor de Ilustrísima quixo que o bispo da súa novela se formara no Seminario Santa Catarina de Mondoñedo e foi Carlos quen lle presentou a Álvaro Cunqueiro a Amancio Prada, desa conxunción naceu “A dama e o cabaleiro”. Ben coñecidas son as “Lerias” que Casares e Cunqueiro mantiñan e grazas a elas sabemos, entre outras cousas, que Alvarito xogaba aos indios e vaqueiros facendo de ventrílocuo. Cando avanzaba cun soldado falaba en castelán e se a acción consistía en lanzar unha frecha co arco dun “Cheyén” expresábase en galego. Foron estas aventuras unhas das primeiras creacións do xenial fabulador mindoniense.

Ben seguro que a nómina se irá completando co paso dos anos e á espera está o recoñecemento a outros escritores e escritoras mariñás.

* Fran Bouso, mestre e escritor.