«Cando che dan a noticia necesitas contalo e que te entendan coa cabeza»


O alfocense, Xabier Pardiñas foi tamén paciente hai anos.

-¿Por que esta cena?

-A razón fundamental é recuperar a que había e hai 25 anos que non se celebraba. Algún dos que estivemos na organización tiñamos algún motivo para facela e ó remate entre varios decidimos recuperala coa intención de que se volva crear unha xunta local da Asociación Española Contra o Cancro en Alfoz.

-Eses motivos particulares?

-Algúns simplemente por solidariedade, outros por que teñen algún familiar, amigo ou coñecido que sofre esa enfermidade e outros como no meu caso, que a padecemos nas propias carnes.

-¿Axuda este tipo de actos?

-Si. Creo que aparte de concienciar á xente de que esta é unha loita de todos, que todos estamos expostos a esta enfermidade, a axuda económica a unha asociación que é unha das que máis axudan a nivel nacional na investigación e tamén noutros aspectos, como no psicolóxico, é importante. En Lugo, na asociación provincial hai unha psicóloga; hai que axudar tanto ás familias coma ós enfermos. Moitas veces no shock de cando che dan a noticia, necesitas contalo. E a veces a alguén que non sexa da túa propia familia, alguén que poida entenderte coa cabeza, non co corazón. E conseguir diñeiro para este tipo de asociacións é importante. De feito, Mari Luz Abella, presidenta provincial, a través de nosoutros, conseguimos unha entrevista con Alfredo Llano, fai un mes ou dous para que o servizo que prestan de psicoloxía tamén se faga en Burela; en Burela porque está o hospital alí, para toda a Mariña. Fíxose unha pequena xestión a ver si o concello de Burela pode ceder un local para que veña unha psicóloga a media xornada para a zona da Mariña.

-Curioso iso de contarllo a alguén non da familia ¿Por que?

-É difícil. A reacción que tiven cando me deran a noticia, eu estaba só, foi contarllo a miña irmá para que me axudara a transmitir a información. Eu creo que é un momento difícil e despois cada un reacciona de maneira diferente. Ás veces é máis o impacto mental que o físico.

Xabier Pardiñas asegura que a enfermidade cambioulle o “chip”

Votación
0 votos
Comentarios

«Cando che dan a noticia necesitas contalo e que te entendan coa cabeza»