«Seguimos construíndo un Ribadeo atractivo para vivir»

Dos dous últimos anos cre relevantes a residencia de maiores e o planeamento urbano, e critica á Xunta por «maltratar aos ribadenses»

.

ribadeo / la voz

O último censo cifra en 9.972 os veciños de Ribadeo, concello que goberna Fernando Suárez (BNG) con 10 dos 17 concelleiros, pois acadou 2.887 dos 5.515 votos nas locais do 2015. No medio deste mandato, cre relevante «seguir construíndo un Ribadeo atractivo para vivir, investir e traballar», un logro que ao mesmo tempo é un reto para quen se declara disposto «a exercitar todas as competencias do Concello, todo ao noso alcance, polo ben de todos os ribadenses». Na súa opinión, «a proxección de Ribadeo vai máis alá que a dun pobo con dez mil habitantes».

«Aprobar o planeamento urbanístico, poñer en valor o casco vello, intentar regular todo o ámbito das Catedrais, rematar e poñer a andar unha das mellores residencias da terceira idade de toda Galicia ou resolver cuestións enquistadas fai vinte anos, como demoler as naves de Reny Picot e rexenerar o entorno...». Suárez fai unha pausa nese relatorio do máis relevante do que vai de mandato para engadir: «estou moi orgulloso do traballo dos compañeiros, demos pasos importantes».

De aquí ás eleccións do 2019, o alcalde de Ribadeo pretende «seguir con esta liña, seguir investindo nas parroquias e mellorando a vila, dotar de saneamento a máis sitios, rematar o plan especial do casco vello, rematar a residencia...».

«Dóeme moito o desprezo da Xunta porque, para fastidiar ao noso goberno, que non é da súa corda, maltrata aos ribadenses», proclama Suárez. «Todo o que recibimos é porque non teñen máis remedio, pero o xogo democrático non é unha guerra, e ata nela hai códigos éticos», di.

Votación
4 votos
Comentarios

«Seguimos construíndo un Ribadeo atractivo para vivir»