«Estoume descubrindo con Juana»

«Juana de América» inspira unha nova obra de música, danza e poesía da autora


ribadeo / la voz

A performance Juana de Ibarborou. Inspiracións é unha idea orixinal da mariñá Marina Oural Villapol, tamén encargada da composición, dirección e voz na obra que se vai estrear o vindeiro 10 de xuño en Ribadeo. No seu Cine Teatro comezaba onte os ensaios, sendo escenario da residencia artística ata o día 4.

-Como está sentindo a Juana?

-Estou sentíndoa como se fora un impulso de construción colectiva total, empezando por min polo individual. Foi un pouco unha sorpresa anunciada por outra parte, porque xa levaba anos cunha gravación da propia poeta e coa idea de facer algo pero, dada tamén a profundidade de toda a súa obra, dixen... ‘cando soe o río é que auga leva’. Agora empeza a soar de verdade....

-Para todo na vida hai que esperar, atopar o momento, non?

-É por como me enfronto á vida ou vivo as cousas. Paréceme que a vida é a que sabe e fágome servidora dela, servidora da terra e da vida. O ano pasado, en setembro, apareceu a posibilidade de empezar a ensaiar... a ver que pasaba cun poema que xurdiu cun músico. E foi claro nese momento que quería danza e música na obra para apoiarme no texto e na voz. Eu preciso a música en directo, levántame o animo. A danza é básica para vivir...

-Apartándome un pouco do tema da performance «Juana», na Mariña non se ve moita danza...

-Non hai espazos. Na danza non é como outra particularidade artística. Hai que ter o chan que non faga dano aos corpos, que sexa suficientemente amplo. A sorte que teño neste caso é que a bailarina e máis eu levabamos ano e medio traballando con talleres de poesía e movemento. Coñecín a Irene Álvarez Coto, asturiana aínda que vive en Cádiz por razóns da danza para búsqueda de espazo propio. A danza contact improvisación foi o que nos uniu. Esta danza marcoume tanto que me deu un xiro para tomarme en serio o camiño da poética con movemento. O encontro con ela foi a primeira vista, de ter que facer algo. E empezamos a facer obradoiros moi lindos. Hai outra seguridade na creación a partir de aí. Tiña de asistenta musical a Chefa Alonso daquela, quedamos en contacto, fixemos producións e dixen que tiña que integrarse no proxecto. Ela non o dubidou. A partir de aí foi como aparecer ventos a favor, por parte da SGAE en Santiago de Compostela, do Centro Dramático Galego, de La Casa Encendida e a SGAE en Madrid, tamén en Cádiz no Espazo Silvestre, en A Escondida Café-Concerto de Espasante, RefuxioMOV en Lourenzá...

-Agora ensaian no Cine Teatro, antes da preestrea en Lourenzá o día 9 de xuño e a estrea o 10 dese mes en Ribadeo.

-Para min era moi importante preestrear en Lourenzá e estrear en Ribadeo porque un dos libros que foi editado falando da figura dela, fora presentado nun congreso do 2007. Son tres libros os que barallo [tamén se incorporan textos de Marina e Rosalía].

-Que está a aprender?

-Todo é aprendizaxe, dende o primeiro segundo. Fuxo totalmente do estudo de Juana. Para min é unha descuberta. Propóñome asumir o risco de ir polo instinto. Baséome nos libros dela que me deu Vidal Martínez-Sierra. Só tres. O discurso... cando é pouco, é rico.

-Xa se di, menos é máis.

-A súa obra é grande, profunda e moi extensa. Puxéronlle o seu nome á Biblioteca Municipal de Lourenzá no 62 ou 63. Foi prolífica e durou moito. Estoume descubrindo a min a través de Juana. E aparte, estou descubrindo como o equipo se vai conformando de forma espectacular e exquisita. É algo novo para todos, a pesar das experiencias vividas.

-Que sería unha residencia artística coma a que está a facer?

-Explícoo doutra forma. Para ter froito tes que plantar. Nós empezamos en setembro a mover terra e estamos rematando de dárlle os últimos toques ao froito para presentalo na estrea. É un proceso de creación xunto co de produción. Residencia artística... ou chámalle equis. Precisabamos dun lugar de traballo e con custes baixos.

-Pode ir o público ver o ensaio?

-Non, necesitamos concentración. Somos oito no equipo.

-Que agarda da estrea?

-A sensación que teño é deliciosa no sentido de que hai o suficiente medo para falar e as ganas e a alegría suficientes como para compartir.

-Traballo de xestión emocional.

-Os anos estanme dando máis vantaxe. Se me pilla noutra época... non sei. É tal cúmulo de traballo a nivel emocional, físico, intelectual... Compoñemos no directo. Agora unha escena nova, primeiro o contido, a voz, adonde te leva ese poema e por que, a sonoridade musical... É todo unha composición espacial e sonora ao servizo do teatro porque todo está imbricado para ir a teatros ou lugares de artes escénicas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Estoume descubrindo con Juana»