«O partido do Zaragoza é o máis importante da historia recente do club»

O venres a entrada será gratuíta para todos aqueles que entren no pavillón media hora antes do partido.O presidente do Pescados Rubén-Burela agarda que «o Vista Alegre sexa unha caldeira»


Pasado mañá é o día. Vén o Zaragoza a Vista Alegre (18.30 horas) para poñer a proba os folgos dun Pescados Rubén-Burela sen balas na recámara e a forza dun Vista Alegre que «ten moito que dicir» na permanencia do equipo laranxa en Primeira División, como cre o seu presidente, Manuel Blanco. Unha derrota deixaría aos mariñáns cun pé e medio en Segunda antes de visitar a ElPozo Murcia e recibir ao Levante nas dúas últimas xornadas da liga regular.

-¿Como está levando a situación?

-Con nervios e, por suposto, con preocupación. É unha situación límite e totalmente inesperada da que agardamos saír ben parados, pero non vai ser fácil.

-O partido deste venres ante o Zaragoza será decisivo, para ben ou para mal.

-Creo que estamos ante o encontro máis importante da historia recente do club. Temos que gañar como sexa, en caso contrario as nosas opcións de seguir en Primeira resumiríanse dunha maneira considerable. En Murcia xa gañamos outras veces, pero noutra situación ben distinta.

-A chave da permanencia está en Burela, diso non hai dúbida. Gañando ao Zaragoza e ao Levante o lóxico é que baixen o Cartaxena ou o Gran Canaria.

-No deporte as matemáticas non son exactas. Esas dúas vitorias son imprescindibles, daríannos moitas posibilidades, pero non garanten nada.

-¿Cre nas primas a terceiros?

-Non, iso era antes. Ou polo menos o Burela nunca se viu en asuntos turbios dese tipo.

-A entrada será gratuíta para a xente que acceda ao pavillón antes das seis da tarde.

-Así é. O que pretendemos con isto é recuperar o ambiente de antano, converter o Vista Alegre nunha caldeira desde o quecemento dos equipos. Cando o público arrima non gaña calquera na nosa bomboneira.

-Complete a frase. Baixar a Segunda sería...

-Un paso atrás. Volveriamos a traballar con todas as nosas forzas para volver a Primeira División canto antes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«O partido do Zaragoza é o máis importante da historia recente do club»