«A Semana Santa de Viveiro está nun momento doce dende os anos 90»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Mañá lerá o pregón no Teatro Pastor Díaz o director de produción do grupo Cerdeimar, que vive hoxe en Camariñas

07 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, sábado, Perfecto Ángel Parapar Trasancos (Viveiro, 1957) afrontará con honra e emoción o papel que lle toca este ano desenrolar dentro da Semana Santa de Viveiro. Diferente nesta ocasión do seu habitual como levador da Piedad, dende hai 45 anos. O tamén director de produción no grupo Cerdeimar Industria Alimentaria, unha das conserveiras máis veteranas de Galicia e activa dende 1884, este viveirense afincado en Camariñas dende hai 22 anos da o pregón no Pastor Díaz, ás 20.30. Houbo un tempo no que tamén foi irmán maior e viceirmán maior da Xunta da Piedad, así como vicepresidente da Xunta de Cofradías viveirense.

-Que imaxe se lle veu á cabeza cando lle propuxeron ser o pregoeiro?

-En principio a reacción foi rexeitalo porque vivín moita Semana Santa e tocoume moitos anos a min buscar un pregoeiro... e non buscaba xente do meu perfil. O primeiro que se me veu á cabeza foi negar, pensar ‘que vou merecer eu’ naquel momento. Agora pénsoo e é unha honra. Si que teño feito artigos e encabezamentos do libro Pregón.

-Pensou que algún día o chamarían para ler o pregón?

-Nunca se me pasou pola cabeza. Agora está asumido e asimilado pero sempre ten un dúbidas, ‘direi isto ou non’. Hai que darse de conta de que sempre lle conto un detalle á xente de fóra, cando me din ‘tedes unha Semana Santa moi bonita’. ‘Eu nunca a vin’ o digo porque eu vou dentro. Este ano cumpro 45 anos, porque espero levala, como levador da Piedad. Fallei un ano no que estaba convalecente dunha operación. Teño outro detalle. Unha vez que subía pola praza, un ano destes que estaba insegura a saída, se chovía ou non, e sentín falar ‘Vai por aí Perfecto, entón non sae a procesión’. Ao final saíu.

-Como se ve dende dentro a Semana Santa de Viveiro?

-Vese distinto. De cativo levabas os sachóns, os estandartes... Cando o deixaches, deches outro paso e puxécheste a levar as imaxes. Sempre teño un recordo e é cando aos chavales daquela nos deixaron levar a Piedad por primeira vez, porque había pouca xente entón para levala. Había unha baixada, porque na Semana Santa sempre houbo subidas e baixadas. Alá fomos. Lembro aquela impresión sendo novo de chegar aos claustros de San Francisco onde había unha bombilla, cando hoxe está máis iluminado, a xente, mariñeiros con moitos anos de vara e moitos quilos de ombro, e nós no medio, chavaliños levando a Piedad, que daquela era pola que máis tirabas. Alá fomos, aprendemos e mantivémonos sempre ligados á Semana Santa de Viveiro.

-Con que entidades participa tamén de forma activa?

-Estou na Cofradía da Piedad, Irmandade do Prendimiento e Cofradía do Nazareno dos de Fóra, porque esta última xa parece unha obriga para os que estamos fóra [el vive en Camariñas].

-Na zona de Camariñas, vívese a Semana Santa de forma tan intensa como en Viveiro?

-Hai algo por Fisterra. Aquí en Camariñas a Mostra do Encaixe ten moito movemento porque coincide sempre en Semana Santa. De feito, a miña filla, que sempre ía comigo nas procesións e vive moito a Semana Santa de Viveiro, cando di que é da Cofradía da Piedad e que viste hábito e capirote aquí dinlle ‘e iso que é?’ A xente que non sabe o que é non se fai unha idea do que é unha cofradía. Falta moita información e formación.

-Xa resaltaba hai pouco a Xunta da Cofradías o moito que se sinte Viveiro a Semana Santa.

-Si que se sinte. Primeiro, levas encima de ti unha tradición popular moi grande porque a Semana Santa de Viveiro é a máis popular de todas. Participa absolutamente todo o pobo, todo o mundo. Vívese moito. Para min, é un orgullo levar a Piedad e cando a levantas ao final a min pónseme a carne de galiña.

-Na súa familia, tamén se extendeu esa tradición?

-Si, con miña nai, miña tía...

-Recuperando a conversa anterior, vive a Semana Santa de Viveiro, declarada de interese internacional, un momento doce?

-Si, está nun momento doce, dende finais dos anos 90. Pero penso que ha de baixar, porque xa baixou noutras épocas. Tivo outros momentos doces entre os anos 50 e 50 e a primeiros do século XX. Que pasa? Que despois tivo baixadas, tamén subidas. É cíclico. O que si fai falla é información e formación porque a xente non ten que entender que isto é so un acto relixioso. É un espectáculo de carácter relixioso. É unha expresión popular da Paixón de Cristo na rúa.

«É un orgullo levar a Piedade. Cando a levantas ao final a min pónseme a carne de galiña»