«Penso que A Mariña non sabe a cantidade de xente creativa que ten»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

xaime f. ramallal

Mañá abre no Cenima de Foz a exposición «Ser visibles» con 11 artistas mulleres

06 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pedro Cabarcos, Xerardo López e Neira Broch -co que «Viveiro ten unha débeda pendente moi gorda», quere destacar o primeiro- están detrás da organización dunha exposición que abrirá mañá en Foz (Cenima, 20.30) as súas portas. Ser visibles. Escoitar imaxes, retratar palabras é o acto central da Semana das Artes Plásticas na Mariña que organiza Tá en Artes, asociación da que Cabarcos tamén é membro. A mostra está formada por obras de once artistas da Mariña. Entre outros, farán homenaxes a Puchades e a Maruja Mallo.

-Necesitaban as mulleres artistas da zona «ser visibles»?

-En principio todo foi produto dunha casualidade. Como se soe falar de discriminación positiva non necesitan levar o título de mulleres porque son artistas. En catro anos, na Semana das Artes, colaboramos tanto con homes como con mulleres pero o ano pasado, curiosamente, varias dixeron que só expuxeran seis mulleres. Como non pensamos no xénero propúxenlles montar unha soa de mulleres. Aí empezou a historia, pero non por nada... Si que é verdade que a muller na arte aparece en 1971.

-No ano 1971?

-Si, foi onte. Como historiador do arte dos 70 podo dicirche que Francisco Calvo Serraller, que tiven de profesor, foi o primeiro que me falou de Artemisa Gentileschi. Non tiña pasada a calidade da arte polo tamiz do xénero. Poñía en valor que había artistas, homes e mulleres, que tiñan o máximo nivel.

-Entón, o de «Ser visibles»?

-Foi un slogan proposto por Cristina Basanta e Lucía Vila e, en consenso, como facemos todo, pareceu ben. É moi acertado, non sendo unha reivindicación dende o punto de vista de xénero. A arte está desaparecida en combate para a xente do común, cando a arte naceu na xente. A clase media fixo que a arte de vangarda fose arte de vangarda e empezaron a aparecer galerías. O pobo, que segue sendo a clase media queiramos ou non, está afastado do arte en xeneral.

-E tamén vai acompañado dunha reivindicación do Cenima.

-Este ano vai todo xunto. Queremos reivindicalo como sala de artes creativas pero que funcione dun xeito institucionalizado, cunha persoa que o dirixa e un equipo. Estamos largando a idea pero cremos que ten que ser algo independente e democrático porque é para A Mariña. O único que ten que facer a política é xestionalo. Despois, axentes culturais participar de algunha maneira como é o caso de Amigos del Museo do Prado. As asociacións culturais e todos aqueles entes da Mariña participaríamos na xestión programática de todo o ano. Todo iso tería que incluír a reivindicación de que o Cenima se converta en algo serio, acompañado de exposicións temporais porque hai un montón de obra artística agochada, por exemplo, nos museos en Lugo, Pontevedra, Santiago... Sería acercar á Mariña o que non se pode ver habitualmente na Mariña.

-A Semana das Artes ten tamén esa parte de achegar a arte plástica á educación. No seu caso, cando dixo na casa que quería dedicarse á arte, como foi?

-Daquela, anos 70, meus pais tiñan biblioteca, escritos, e a arte pululaba un pouco na casa. Tiven irmáns delineantes e todo iso te leva a estar en contacto co debuxo. Dubidei entre arquitectura e Belas Artes, pero fíxate como estabamos de información daquela que me fun ao exame en San Fernando cun bolígrafo cando había que facelo con mancha de carboncillo. O da Semana das Artes é un traballo de nove meses cos escolares. Reunimos aos artistas e aos centros para ver que propostas se fan, tendo en conta esa situación clara, que todo o que facemos leva a etiqueta de educación. Este ano, por parte dos artistas, había a reclamación lexítima de que a exposición non fora so escolar. De aí que coidáramos o catálogo para que tamén fora máis profesional. Fixemos material, unha parte para reivindicar a parte artística e por outra que os escolares non perderan a proximidade. As tres institucións portáronse de libro. A Deputación paga toda a cartelería (catálogos, dípticos e cartel), o Concello de Foz puxo a sala en condicións, fixo a electrificación, o cartel de fóra e aporta persoal. A Mancomunidade de Municipios de A Mariña vai costear as visitas escolares.

-Esperan máis de 1.500, que terán de guía aos artistas.

-Por alí pasaron entre 29 e 31 colexios noutras edicións. Todo está organizado por Tá en Artes, que naceu fai anos con espírito comarcal. Tiveron a ben ofrecernos a asociación. Sempre organizan unha actividade para nenos. Esta vez será o sábado 22. Traballarán coas caixas con Cris Basanta.

-Aparte de colaborar Pomba do Arco, Observatorio da Mariña pola Igualdade, tamén está a Fcam.

-O das caixas e os comercios nace dunha desas reunións e que propón Neira Broch. Empezamos a madurar a historia. Cristina e Lucía fixeron un proxecto pequeno de caixa como icono que pode ser trasladada ao arte. E o soporte básico da caixa é o comercio. O ano pasado colgaran cadros en escaparates.

-Como ve a canteira de artistas nesta comarca, por certo?

-A Mariña no sabe a cantidade de xente creativa que tén, penso.

-O Bacharelato de Artes, axudou?

-Multiplicou por dez o número de rapaces e rapazas que fixeron Belas Artes e agora mos atopo volvendo e facendo cousas. Dalgunha maneira, a xente volve a un sitio onde creen que poden traballar, pero para iso hai que dar posibilidades.