«?En los brazos del amor? é un traballo feito entre amigas e con moito cariño»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Hoxe presenta en Viveiro, no ciclo Adral, o seu disco con poemas de Santa Teresa

04 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro do ciclo de difusión cultural da Semana Santa de Viveiro Adral terá lugar hoxe a presentación da revista Pregón e antes, na igrexa de Santa María ás 20.30 horas, a do disco da catequista focense Teresa Nécega Rodríguez En los brazos del amor no que lle puxo voz e música a poemas de Santa Teresa de Jesús.

-Cantos anos leva de catequista?

-Dende que tiña 17 anos. No que máis colaboro é cos cantos.

-Dirixe por casualidade algún coro parroquial?

-Non, son autodidacta, non teño formación musical. Por iso non me meto onde non sei defenderme e para dirixir un coro minimamente decente necesitas certas condicións. Gústame cantar, pero é algo particular. E como lle teño demasiado respecto á música, non me meto máis alá. Durante moito tempo hai outra persoa en Foz que canta conmigo, Tono. É unha afección nosa. A guitarra acompáñame.

-Unha igrexa é un lugar moi especial sonoramente falando.

-Claro... as igrexas da zona teñen unha acústica moi bonita.

-Unha cousa é gustar cantar neses lugares sacros pero outra distinta debe ser sacar un disco. Un cedé son palabras maiores.

-Pois esas palabras maiores saen sen que sexan palabras maiores. O disco sae do seguinte. A min gústame moito a poesía e cantar poesía, gústame poñerlle música á poesía, paréceme unha maneira de achegarnos á xente que ao mellor doutra maneira non coñeceriamos. Non sei se te das conta dos discos de Serrat con Machado ou Miguel Hernández. Xuntar música e poesía é unha riqueza maior, un plus. O disco En los brazos del amor nace porque eu tiña uns poemas de Santa Teresa de Jesús e funlles poñendo música. Coincidiu que hai dous anos foi o quinto centenario do nacemento de Santa Teresa e o párroco de Foz, Antonio Valín, que é unha persoa moi dinámica e coa que teño traballado moito, propúxome facer algo sobre Santa Teresa en Foz no verán, cando hai moita xente e ademais xente que participa na parroquia. Díxenlle ‘teño isto aquí, se che parece o preparamos como un concerto-oración’, un momento ou espazo de silencio, para escoitar os textos de Santa Teresa e os meus cantos. Foron oito poemas aos que lles puxen música. Teño unha amiga, Salomé Arricibita, que si é música e cando lle pasei os temas dixo ‘aquí hai un cedé’.

-Foi algo auténtico.

-Si. Ademais, todos os beneficios son para a parroquia. Eu non teño un interese profesional nisto e non me dedico a cantar. É algo colateral. Saíu así. Non teño idea de se vai saír outro. Viaxei dúas veces a Pamplona no verán, gravamos e ela fixo o seu traballo. Outra amiga, Toña Monzón, fixo a portada, que me gusta moitísimo. Este é un traballo feito entre amigas e con moito cariño. Ningunha de nós cobramos. Foi totalmente gratuíto.

-Pero cun carácter benéfico.

-Hai xente á que non lle gusta o de ‘el prezo lo pones tú’. Eu decidín que fora así pero decidiuse coa parroquia, porque así se fai na nosa parroquia, Foz, onde non se cobra por ningún servizo, nin nas cinco que leva en total Valín, que forman a Unidad Pastoral. Non se cobra por un enterro, nin misa de bautizo nin funeral. Só se dá a vontade. Dentro dese espírito e a idea entra o meu cedé, que é unha colaboración máis. Levareino a Viveiro para quen o queira comprar. Estase vendendo ben e recibindo loubanzas de todo o mundo.

-Algo que engadir?

-O cedé é unha homenaxe persoal a miña avoa, María Fernández, coñecida en Foz como María de Simón. Ela regaloume o libro coas obras de Santa Teresa.