Maruja Mallo protagoniza desde Viveiro o Día das Artes en Galicia

s. corral / r. g. VIVEIRO / A CORUÑA / LA VOZ

A MARIÑA

A Real Academia Galega de Belas Artes réndelle homenaxe no teatro Pastor Díaz

01 abr 2017 . Actualizado a las 16:54 h.

A Real Academia Galega de Belas Artes celebra hoxe un acto solemne e público no Teatro Pastor Díaz de Viveiro ás 12:30 polo “Día das Artes Galegas” 2017 dedicado a Maruja Mallo.

O xornalista e escritor Ramón Pernas será o encargado de presentar un acto que contará co discurso inaugural do presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, e a asistencia e intervencións da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

A académica da sección de expertos nas artes, a galerista Asunta Rodríguez, lerá unha glosa titulada, «Exótica», onde fará un percorrido pola vida e obra de Maruja Mallo.

A Real Academia Galega de Belas Artes determinou dedicar esta efeméride en 2017 a Maruja Mallo «para afondar e espallar ao longo do ano esta figura sobranceira, a súa teoría e obra por canto significa para a dignificación de Galicia e das formas de expresión, tamén como aporte á cultura universal. Polo legado da obra plástica de Maruja Mallo no surrealismo español; polo seu contacto con artistas, escritores e intelectuais de prestixio da época, como Dalí, Lorca, Luis Buñuel, Gómez de la Serna, Ortega y Gasset, Rafael Alberti, Pablo Neruda, André Breton, Paul Eluard ou María Zambrano; a súa integración nas vangardas do momento, e polo seu carácter “transgresor” como defensora dos dereitos da muller. Maruja Mallo foi unha importante figura artística do século XX cunha forte impronta nas artes e o correspondente reflexo en museos como o Pompidou e o Reina Sofía», explican os académicos.

O grupo vocal SondeNós abrirá e pechará este acto, un sexteto vocal a cappella composto pola soprano Julia Cea, a mezzosoprano Rocío Fernández, o tenor e director Plácido Travieso, o tenor Txemi Jiménez, o barítono Lucas Iglesias e o baixo Javier Díza.