Mondoñedo na orixe do cinema de animación

Fran Bouso

A MARIÑA

28 mar 2017 . Actualizado a las 12:45 h.

Aprimeira serie de debuxos animados de produción española titulábase “Las aventuras de Mumú” e foi estreada nas pantallas de Televisión Española en novembro do ano 1967. Estaba rodada en cor, a pesar de que daquela a televisión pública estatal non tiña posibilidade de emitir con esta tecnoloxía. Desde TVE apuntábase que era importante empregar a cor nestas producións por dobre motivo, por unha banda porque axiña ían estar operativas as emisións en cor (aínda que tardarían 6 anos en adaptar a tecnoloxía) e tamén porque a serie podería ser vendida no estranxeiro.

“Las aventuras de Mumú” estivo en antena unha tempada, entre o outono de 1967 e a primavera de 1968. Lideraba o equipo de produción Enrique Nicanor, un xienense de pais ourensáns (de Castro Caldelas) que se formou en Cuba, Estados Unidos e Francia, el encargábase da dirección e o guión. Juan Tapia Ruano e Rafael Esteve deseñaban os decorados e Manuel Presa facía a montaxe. Todos eles contaban coa axuda do colombiano Fernando Laverde. A serie estaba realizada coa técnica “Stop motion” e cada episodio tiña unha duración que oscilaba entre os dez e os quince minutos.

A personaxe que daba nome á serie era un touro andaluz, culto e educado, chamado Mumú. O outro protagonista era Mondoñedo Sacachispas, un galego “cascarrabias”, afiador de profesión e inventor frustrado que sempre que se propón crear algo acada resultados diferentes aos seus propósitos, pero tamén útiles. O maior desexo de Mondoñedo Sacachispas era ser astronauta. Completaban o elenco de personaxes o toureiro Toño, un guitarrista consumado e amigo inseparable de Mumú; Lolita, a princesa que habita no castelo e que posúe a gran enciclopedia que herdou do seu pai, o rei e Picatodo, un paxaro que canta ópera. Pio, outro paxaro, Don Tontón e Chiquilín son outros monecos que forman parte das diferentes tramas.

No primeiro episodio Mumú tiña que ser toureado por Toño, pero no momento da corrida o touro comeza a disertar na praza sobre os dereitos humanos, ben, en realidade sobre os dereitos bovinos. As palabras de Mumú arrancan os aplausos do público e causan admiración no toureiro, Toño. Touro e toureiro fanse amigos e marchan da praza para recorrer o mundo na procura de aventuras. De vez en cando Toño lidia a Mumú, pero sen facerlle ningún mal.

Noutro episodio, este titulado “Sequía en el país de la Princesa”, Mumú e Mondoñedo tentan deseñar unha loción capilar para cubrir a calva do inventor galego. Nun descoido dos científicos, Tontón toma a beberaxe confundíndoa cunha horchata. Ao pouco tempo os efectos déixanse ver e Don Tontón aparece todo cuberto de flores. Os investigadores dánse conta de que a loción non consegue os efectos que procuraban, pero servirá para satisfacer os desexos da Princesa.

«El cohete de Mondoñedo»

“El cohete de Mondoñedo Sacachispas” é o título doutra entrega na que o inventor galego ultima os preparativos dun novo invento: un foguete espacial co cal verá cumpridas as súas ansias de ser astronauta e viaxar á lúa. Cando Mondoñedo pon en funcionamento o aparato prodúcese unha gran explosión e o seu obxectivo faise fume, pero como non hai mal que por ben non veña, grazas aos seus estudos no campo da aeronáutica espacial consegue deseñar a roda de afiar.