«O peor da Toxiza son os dez primeiros quilómetros, despois lévase moi ben»

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN LOURENZÁ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A dez días da nova edición da carreira de montaña xa se inscribiron un cento de atletas máis que no 2016

22 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai persoa na Mariña máis axeitada que Martín Pardiñas para falar da Toxiza Classic Xtreme. O laurentino, de 28 anos, é un contrastado ultrafondista con agallas para enfrontarse aos maiores retos internacionais e ademais forma parte do equipo directivo do Toxiza Club de Montaña, que corre ca organización da carreira que se disputará o domingo 2 de abril en Mondoñedo, de novo puntuable para a Copa Galega de carreiras de montaña.

-¿Como van as inscripcións?

-Moito mellor do que pensabamos. Aínda quedan dez días para que se celebre a proba e xa superamos todas as expectativas. Máis de 250 atletas formalizaron a súa inscripción on line e na derradeira semana é cando se produce o bum nas inscripcións. O ano pasado, se non recordo mal, participaron 163 corredores.

-¿Cal das distancias ten máis aceptación, a de 40 quilómetros, a de 20 ou a de 14?

-De momento a de 20, na que hai apuntados máis de cen corredores. Na de 40 hai uns 80 e na de 14, outros tantos máis ou menos.

-Haberá nomes importantes na liña de saída.

-O ano pasado xa contamos co mellor corredor galego de montaña, Fernando Arca, e este xa nos confirmou que volverá. O que nos sorprende nesta edición é que virá bastante xente de Asturias e León, cando ata agora éramos case todos galegos, polo que pode haber algún tapado entre os favoritos.

-¿Como é a Toxiza, tecnicamente falando?

-É unha carreira para disfrutar, non para sufrir. O peor son dos dez primeiros quilómetros, despois lévase moi ben porque non hai tramos extremadamente perigosos nin moi duros.

-¿É máis sufrida a Camovi, que se disputa en Viveiro?

-Son distintas, a Camovi ten máis desnivel. Fun correla dúas veces e este ano conto volver.

-Nesta terceira edición a novidade é o Campamento Toxizo. ¿De que se trata?

-Con esta iniciativa o que buscamos é levar xente ao monte para animar aos corredores. Habilitamos unha zona de acampada no punto quilométrico 7,8, no monte Toxiza, onde haberá festa a noite anterior.