«Estou orgulloso do que fixemos, de traer o deporte de elite á Mariña»

O ascenso á División de Honor do Cefire Burela foi o gran logro do técnico viveirense


BURELA / LA VOZ

Para falar de fútbol sala, poucas voces tan autorizadas hai na Mariña como a de Quico Otero (Viveiro, 1961). En máis de 25 anos nos bancos deulle tempo a todo. Cumpriu o soño de levar ao Cefire Burela á elite, viviu á agonía final do Puerto Celeiro e formou a non menos dun cento de rapaces. Tras o seu paso polo Pescados Rubén-Burela, por vez primeira cumpre dous anos seguidos inactivo.

-Bótao de menos?

-Nunca pensei que fose levar tan ben a inactividade. Non diría que estivese canso, porque mentres traballas non o notas, pero si necesitaba desconectar.

-Desgastouno a última tempada no Burela?

-Foi unha tempada como outra calquera. Ao final en tódolos sitios hai problemas e altibaixos.

-Foi moi grande o cambio ao fútbol sala feminino?

-Foi unha experiencia distinta. A forma de levar o vestiario era diferente. Quédome con que creo que nese ano e medio vin un progreso grande en moitas xogadoras.

-Viuse reflectido no equipo?

-Si. Cando íamos a Madrid algún adestrador rival me dixo que nunca vira xogar a un equipo feminino tan ben de catro. E iso déixate satisfeito porque se ve o traballo.

-Que lembra dos seus inicios no mundo do fútbol sala?

-Comecei a adestrar a nenos en ratos libres para xogar maratóns e pouco a pouco fun querendo aprender, coñecer máis o fútbol sala. No ano 89 Manolo e eu decidímonos a sacalos federados.

-Daquela o fútbol sala estaría aínda en cueiros...

-Eran basicamente maratóns, aínda que en Galicia xa había equipos importantes federados. Era un deporte novo, polo que ninguén apostaba e polo que nós decidimos apostar.

-O daquel Cefire foi incrible.

-Traballamos moito ca base. Fixemos saír bos xogadores que soubemos complementar coas fichaxes que chegaron de fóra.

-A experiencia na elite foi curta...

-Deportivamente traballouse ben, pero despois viuse que quizais todo foi demasiado rápido. Tamén houbo moitos enganos. Por exemplo, á liga non lle valeu o pavillón de Vista Alegre, e agora deixan xogar en calquera sitio.

-Dimitiu aquel ano, e despois volveu co Puerto Celeiro.

-O traballo no Puerto Celeiro foi bonito, porque pese a que só foron dous anos con obxectivos ambiciosos puidemos seguir traballando a base, aínda que foi baixando porque cando arriba non hai algo bonito... Por iso agora saen menos xogadores.

-Lembrará ben os derbis en Prata, non?

-Foron unha bendición para o fútbol sala. Os pavillóns enchíanse, había unha gran rivalidade. Durante 15 días antes e outros tantos despois non se falaba doutra cousa. Só conseguimos un empate, pero eles eran un equipazo e nós un grupo de rapaces cuxo descenso sempre se daba por seguro e que ao final competía contra todos. Só baiixamos cando non quedou outra que renunciar á praza.

-Que cre innegociable Quico Otero nos seus equipos?

-Por encima de xogar de catro ou 3-1 (para ascender co Cefire exprimín a Amarelo como pívot), o que sempre lles pedín aos meus xogadores é que soubesen que facer en cada momento. Sempre quixen futbolistas competitivos indiferentemente das súas cualidades e ese carácter intentei inculcar sempre. Isto consiste en explotar as cualidades individuais de cada un para alcanzar o mellor para o grupo.

-Tivo máis momentos bos ou malos?

-Repetiría cada unha das cousas, boas e malas. Con cada experiencia aprendín. Quizais puiden ter saído de aquí e ter unha vida máis cómoda, pero sempre tiven claras as miñas prioridades. Non me arrepinto. Disfrutei cada ano, indiferentemente da categoría, fosen nenos ou profesionais, sempre fomos capaces de atopar estímulos. Cando miro atrás, penso na miña traxectoria, estou orgulloso do que fixemos, de traer o deporte de elite á Mariña.

«Cando o Cefire subiu, á liga non lle valeu Vista Alegre, e agora deixa xogar en calquera lado»

«Os derbis Puerto de Celeiro-Burela foron unha bendición para

o fútbol sala»

«Doeume non poder sacar rendemento de Vicentín, pero era el ou o resto»

A esixencia de Quico Otero cos moitos e bos futbolistas que adestrou foi sempre máxima e case sempre lles sacou o mellor.

-¿Houbo algún caso no que lle doese non conseguilo?

-Quizais o que máis Vicentín. Era un xogadorazo pero non soubo adaptarse a un equipo pequeno como o Cefire. Tiven que decidir entre el ou o resto. Foi unha decisión difícil, pero creo que no fútbol sala a unión do vestiario é imprescindible.

-Quenes foron os mellores que adestrou?

-A lista sería interminable. Serginho era boísimo e traballaba moi ben; Javi Alvéndiz era un xogador espectacular; Beto era impresionante, moi traballador; Óscar Ordóñez era moi listo...

-E da zona?

-Quizais Darío, porque era un tipo listo, que soubo adaptarse a cada equipo que tivemos e competir cos de fóra.

-Tamén do Puerto Celeiro saíron xogadores que agora brillan na elite.

-Iso é bonito. Falei con Carlitos, que agora está no Palma, hai pouco. Penso tamén en Christian Chao, en Iago Barro, en Eloy...

Votación
1 votos
Comentarios

«Estou orgulloso do que fixemos, de traer o deporte de elite á Mariña»