A marca que deixa Basanta na historia do seu pobo, Foz

La Voz FOZ

A MARIÑA

p. l.

17 mar 2017 . Actualizado a las 08:57 h.

«Tócame a min, como presidente desta asociación, a funesta tarefa de informarvos de que o noso amigo, compañeiro en loitas nacionalistas, e antigo presidente da asociación cultural A Pomba do Arco, que lle debe o seu nome, acaba de deixarnos. Xan Carlos González Basanta, o noso Bas, acaba de finar. O noso amigo acaba de marchar deixando a nosa asociación e a todos, ós que un día o coñecimos, un pouco máis orfos. Se o noso paso por este mundo ten como fin deixar unha marca nel, por pequena que sexa, a de Basanta quedou fondamente marcada na historia de Foz e, sobre todo, nos nosos corazóns. Xan Carlos González Basanta, un amigo que se nos vai».

Así daba conta onte Xoán Ramón Fernández Pacios, presidente da asociación sociocultural A Pomba do Arco, do pasamento aos 55 anos de idade de Xan Carlos González Basanta, un focense moi coñecido na súa vila pola súa implicación en temas de carácter político, social, educativo...

Xan Carlos González Basanta exerceu durante unha década -do 2005 ao 2015-, como concelleiro e voceiro municipal do Bloque Nacionalista Galego no concello focense. No 2015 deixou a primeira liña da política municipal para dar paso a xente nova, porque como el mesmo recoñecía nunha entrevista concedida a La Voz en maio do 2015: «Non é bo estar 20 anos en política, os concellos acaban parecendo casas particulares».

Implicación

González Basanta participou activamente na vida sociocultural do municipio exercendo tamén como presidente e fundador da asociación A Pomba do Arco. Mestre de secundaria e licenciado en Filosofía, González Basanta foi fundador e membro da Asociación para a Defensa da Ría de Foz, ademais de formar parte da historia dos CB Celtas. Tomou parte na reivindicación de melloras sanitarias apoiando á Comisión Focega en Defensa da Sanidade Pública e tamén exerceu como secretario xeral de Confederación Intersindical Galega-Ensino.

Tras unha dura loita contra a enfermidade, con Xan Carlos marcha un gran lector e un escritor «moi talentoso», como ben o definiu onte un dos seus amigos. O alcalde, en nome da corporación, manifestou o máis sentido pésame: «A veciñanza estaralle eternamente agradecida polos anos de dedicación e servizo ao seu pobo». A incineración está prevista para hoxe ás 12 horas. Ás 17.00 será o traslado das súas cinzas desde o tanatorio Rodríguez Dorado ata o cemiterio. Haberá funeral na igrexa parroquial de Foz.