«Cando te subes a unha moto é unha cousa viciosa, hai que ter cabeza»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Achégase a concentración moteira mindoniense, a máis antiga do norte galego

10 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Arias (Mondoñedo, 1972) ten as súas fondas raíces asentadas na cidade episcopal: «Aquí me quedei, casei, tiven as miñas fillas...» O mesmo enclave que esta fin de semana acollerá a concentración moteira número 28 que organiza o Motoclub Ruta N-634, que el preside.

-De onde veu a paixón moteira?

-Meu pai foi mecánico, toda a vida, de coches. Loxicamente, o coche sempre foi o que máis me tirou. De pequeniño, iamos meu irmán e máis eu ao taller, manchándonos máis que outra cousa. Fará uns 20 anos ou así, ao mellor 15, que primeiro tivera unha moto de 50 pero logo meu pai restaurounos unha Vespa. Era do ano 1968. A raíz diso empecei a andar na Vespa, pero facía falta o carné. Saqueino. Ao telo xa na man, comprei unha moto e logo outra e logo outra... Levo seis motos na miña vida de moteiro.

-Cal é a actual?

-Unha Honda CBR 954.

-Tenlle sobrenome?

-Non, non lle teño.

-Pero outros moteiros si, non?

-Algúns si. Se fora unha moto que fixera tempo que tivera... pero como é a sexta moto que teño, non tes ese arraigo.

-Haberá unha sétima, quizais. Cal é a moto dos seus soños?

-A moto que me gustaría, e os meus compañeiros o saben porque a teño sempre na boca, é unha BMW K1300S.

-Canto vale?

-Uff!! Moito! Debe andar polos 21.000 euros. A miña moto soñada é inalcanzable, de momento. Hai outras prioridades.

-Non é algo incómodo ir en moto? Unhas vai frío, outras calor...

-E molladuras... Vamos a ver, se che gusta isto tampouco che importa pillar molladura ou pillar sol. Se pos impedimentos pola climatoloxía, e máis na zona na que estamos, non collerías unha moto. Hoxe, ademais, tes equipo de protección e non tes problema. Tes que ir despaciño, iso si, porque de mollado cando pisas as liñas brancas é un perigo.

-Tivo algún accidente?

-De momento, grazas a Deus non. Algún sustiño si, por pisar as liñas brancas. Pero normalmente vou despaciño, levo atrás á muller, que a veces me apreta o brazo e faime de freo.

-Hai quen pensa que os moteiros van «coma tolos». Cre que segue a existir ese cliché, en xeneral?

-Cando te subes a unha moto a sensación de velocidade non é a que sentes coma nun coche. Se vas a 150 parece que estás parado, porque na moto pegas un acelerón e ao mellor xa vas a 190. As motos teñen moitísima potencia. Tamén cando sobes a unha moto éche unha cousa viciosa, hai que ter moita cabeza para subirse a unha moto, para saber o que levas. É o máis importante.

-Como se leva co radar?

-Colleume unha vez pero foi no coche, hai seis anos. Na moto nunca me multaron.

-É bo condutor, logo.

-Máis ben é sorte, creo.

-A concentración moteira de Mondoñedo xa ten os seus anos.

-É a edición número 28. Xunto coa de Sanxenxo é a máis antiga de Galicia. Foi a primeira na zona norte de Galicia.

-Lembra os primeiros anos?

-Bueno, eu daquela non a vivín como moteiro pero xuntábase moita xente. Hoxe soe participar moita xente. Cada ano intentamos que haxa máis e facela máis grande, internacional non.. pero si con máis popularidade. O que máis cousa leva son os temas dos permisos e dos seguros.

-Será este sábado e domingo 12. Agardamos que non se manque ninguén, verdade?

-Que non se manque ninguén.