«Meus pais gardan os meus Goyas»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PACO RODRÍGUEZ

Este sábado trae os últimos «cabezóns» acadados a Viveiro, onde ten familia

09 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Con máis dun cento de premios internacionais acadados na súa brillante carreira no mundo da animación, hai que destacar os recentes dous Goyas que o coruñés con raíces viveirenses Alberto Vázquez logrou acadar, por Psiconautas e Decorado. El, cos últimos «cabezóns» (ten tres en total), virá este sábado a Viveiro.

-Algunha xente adoita posar nos photocall co xesto de querer roer o premio, ao estilo Nadal. Non sei se o fixo vostede tamén. E se o fixo... a que sabe o Goya?

-Non o fixen, non. Eu non o «probei». Saberá a metal...

-Xa ten asimilado o dobre premio deste ano nos Goya 2017?

-Si. Agora toca facer outro proxecto. Os premios, para o que valen, é para iso, para facer máis proxectos. Danche publicidade no momento e danche a coñecer o traballo que fas.

-Pero ese, sen dúbida, foi o seu momento de gloria...

-A min non me interesa o momento de gloria, interésame a publicidade que che dá e as posibilidades que che dá para facer cousas. Agora estamos na fase inicial dunha película que se chamará Unicorn Wars. Estamos presentándoa en Francia nun mercado para buscar financiación e mañá [por hoxe] preséntase en Burdeos. Estamos nesa fase. É unha parodia do xénero bélico, unha guerra entre osiños de peluche e unicornios.

-Por curiosidade, as súas obras reflicten algunha referencia persoal de cando era neno?

-Eu xogo coas iconas clásicas de contos e fábulas para contar historias adultas. Traballar con animais e todo iso é porque me lembran o conto infantil. Son historias protagonizadas por animais que non teñen nin tempo nin lugar nin sitio nin están entroncados nun contexto, senón que é algo global e universal. As miñas historias fanse como do mundo, falan da universalidade...

-Bueno, nós sempre recalcaremos que é galego e ten raíces viveirenses... Tiramos para a casa. Vén a miúdo a Viveiro?

-Fará un mes que non vou. En Viveiro vive miña avoa.

-Non será ela desas avoas que lle contaban contos infantís?

-Non.

-Na cidade do Landro, que atopa cando vén de visita?

-Busco estar con amigos, ver a miña avoa e pasear un pouco. No verán vou á praia de Area.

-Recoñéceno pola rúa?

-Non sei, porque dende que gañei estes dous Goyas aínda non fun por Viveiro. En A Coruña tampouco te penses que tes moita notoriedade. O que fas é animación, non utilizas a túa imaxe, non eres un actor, que é no que máis están enfocados os Goya. Eu fago animación e aínda que é para adultos, a animación non goza de moita popularidade...

-Quizais é un xénero menor?

-Menor só por descoñecemento. Pero a animación move moito diñeiro e postos de traballo porque moitos dos proxectos que se venden son de animación e en mercados internacionais mércanse para nenos, para adultos... É un mercado moi potente e que entronca co videoxogo. Pensa todo o diñeiro que move iso. É moi importante. Quizais non sexa tan coñecido para o gran público. Pero eu penso que si que o é, de feito en televisión ponse moita animación. Dime algo máis popular que Los Simpson, que levan creo que 25 ou 30 anos en antena. E todos os debuxos animados que se poñen para rapaces...

-Ten tres Goyas. Tenos na casa?

-Fisicamente non os teño eu. Meus pais son os que teñen gardados os meus Goyas.

-Pero vai traelos a Viveiro...

-Si, si, eu os traio...

-Ollo, que non lles pase coma as xoias de Suárez na última gala.

-(Sorrí) A ver, a ver... que ninguén os roube.