«O lema dun dos nosos deseños é "Agora xa foi, Marica don't cry"»

Veñen de abrir unha campaña de «crowdfunding» para botar a andar a empresa


VIVEIRO / LA VOZ

Ana Corujo (Viveiro, 1993) e Lara Buyo (A Coruña, 1993) son as artífices de Lag, un proxecto que pensan abrir en Viveiro dentro de mes e medio aproximadamente. Trátase dunha tenda de produtos serigrafiados que elas mesmas, graduadas en Bellas Artes, deseñan e crean. Tan só a modo de anécdota, esta nova empresa e o reporteiro máis dicharareiro de Barrio Sésamo teñen moito máis que ver do que semella a simple vista: «Cando estabamos empezando a carreira e a traballar xuntas, buscando un nome artístico ocorríasenos, xuntando os nosos nomes de Lara y Ana, Larana Gustavo. Co paso do tempo démonos conta de que moi serio non era... pero dábanos pena sacar a Gustavo, por iso a letra G está como caendo no noso logo». Acaban de iniciar unha campaña de crowdfunding (ata o 2 de abril) para recibir doazóns e así Lag poida ver a luz en Viveiro.

-En que punto están agora?

-Xa nos mudamos para quedarnos en Viveiro. Imos abrir a tenda física en Navia Castrillón pero tamén imos ter tenda online, coa empresa que está preparando toda a programación para a web, para poder vender por Internet.

-Sen a Rede case non se existe...

-Viveiro é onde queremos vivir, un sitio tranquilo, pero aparte diso non é igual tan grande como para darnos de comer só cunha tenda física. Aínda así, ter unha tenda online é unha inversión que a longo prazo paga a pena.

-Xa lles demandaron produtos?

-Si, xa querían facer encargos.

-Este proxecto empresarial Lag gañou, e xa o contamos, un dos premios Incuvi Emprende 2016.

-Si, grazas ao cal recibimos unha oficina para empezar a traballar nel e un equipo de asesoramento que se chama Blu Business, co que seguimos en contacto.

-Acaban de abrir unha campaña de crowdfunding. Canto diñeiro buscan recadar coa iniciativa?

-3.500 euros. O crowdfunding está ben. É unha forma de adiantar os cartos pero que a xente leve recompensas. Non son doazóns completamente gratuítas. Pódense aportar dende 20 ata 500 euros. A campaña dura 40 días e nos 3 primeiros [ata onte] xa temos 930 euros. Non está nada mal. ¡Estamos moi contentas!

-Que produtos venderán?

-Pódense ver na nosa páxina de Facebook (https://www.facebook.com/Somoslag) ou na plataforma de crowdfunding, en verkami.com. Temos bolsos, tazas e camisetas de momento, pero pensamos tamén facer bolígrafos e roupa para nenos e bebés e, cun contacto en Viveiro, chaveiros e cousas de metal e madeira.

-En Verkami preséntanse coa finalidade de ‘dar un xiro á actitude social, cara a unha actitude máis optimista deseñando para rir en compañía’. Con simpatía...

-Si, os nosos deseños son de humor e xogos de palabras. Un dos nosos lemas pon ‘Agora xa foi, Marica don’t cry’, outro deseño ‘¿Está usted borracho?’ ten dúas casiñas para tachar e unha coa equis marcada fóra. Outro é unha ilustración dun casco de obra con dúas latas de cervexa co lema ‘Mejor prevenir que currar’.

-Teñen ese humor no día a día?

-Estamos así todo o día. O noso é un humor absurdo relativamente.

-Algunha anécdota máis aparte da de «Larana Gustavo»?

-Bueno... levamos seis anos vivindo xuntas. Non somos parella, aínda que si estivemos casadas para un traballo da facultade. Fixémonos parella de feito polo traballo de fin de máster porque tamén facemos performances e como tivemos problemas para presentar dito traballo xuntas...

-Xa solo por curiosidade, nada máis, acabaron divorciándose ou seguen casadas?

-Si, xa nos divorciamos. Aquelo foi como unha reivindicación.

«Xa nos mudamos para quedarnos en Viveiro. Imos abrir tenda física e tamén imos tela online»

«A campaña dura 40 días e nos tres primeiros [ata onte] que leva aberta xa temos 930 euros»

Votación
2 votos
Comentarios

«O lema dun dos nosos deseños é "Agora xa foi, Marica don't cry"»