«Unha crema de verduras, a que prezo sae?»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

xaime f. ramallal

Nos produtos de horta de produción propia pode manter os prezos e son frescos; os outros, dispáranse

15 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha semana de diferenza, falamos por segunda vez co agricultor, dono e vendedor no posto de verduras e froitas Vieiro Verde, na Praza de Abastos de Viveiro. Só sabía «plantar catro leitugas e pouco máis» cando o paro o obrigou a reconducir o seu futuro laboral. José Luis Penabad (San Pantaleón-Ourol, 1963) fai de guía entre mazás e leitugas dos prezos nos frescos: «A xudía volveu a dispararse outra vez. O luns non a collín porque era segunda, mala calidade, e encima cara. Hoxe [por onte] preguntei prezos e estaba a 4 euros, co que eu tería que vendela a 5 ou 5,25 euros como mínimo. O demais, vai baixando. Mantense o prezo do tomate. O do pemento e a froita en xeneral está dentro dun prezo estable. O repolo tamén está bastante caro, o liso de 1.200 gramos máis ou menos está a 1,50 ou por aí, unidade. En canto aos grelos, como teño e vendo de produción propia, sígoos mantendo a 2,75 euros pero non son manoxos moi grandes. A verza tamén é de produción propia».

-Queixase moito o cliente?

-Queixarse? Algúns dincho, outros non. Pero si o notas porque a xente se retrae. A verdade é que ves o tícket da compra e quedas asombrado. Hoxe unha clienta faloume diso. Quería facer unha crema de verduras, con cenoria, calabacín, porro ou cabaza. Xa me dirás como lle sae de prezo.

-Coma unha de marisco case!

-Dicíame unha peixeira: «E din que o peixe está caro...»

-Que diferenza hai que cultive vostede o produto a ter que comprarllo a intermediarios?

-Varía en algo moi esencial. Eu traio os meus produtos recollidos no día ou do anterior, mentres que cun terceiro non sabes cando o recolleu. Unha leituga cortada por min hoxe pola mañá xa se vendeu. Se a señora a come a mediodía... ¡mira ti que pracer!

-Valora a xente iso?

-Pois hoxe trouxen de verdura miña: verzas, grelos, espinacas e setas. Xa non a teño. É a primeira que se acaba, por descontado. A veces non teño oferta pero lle digo ao cliente se o queren para mañá ou outro día e agardan. Quedei cunha clienta para traerlle espinaca este xoves. É un pequeno luxo. Ten uns pequenos custes adicionais pero sabes que é diferente. Estou traballando con case todos os produtos fitosanitarios permitidos en agricultura ecolóxica, sabes que o podes tomar con garantía.

-Conta con aval ecolóxico?

-Na Administración española é todo burocracia. Estiven metido no rexistro do Craega ao principio pero saqueime. Vin que as dificultades eran moitas e deixeino. Na miña produción utilizo abonos verdes por comodidade, custes e demais e estou empezando a facer humus de lombriz, que é case coma se fose caviar para as plantas.

-De onde lle vén o amor á terra?

-É unha historia un tanto longa. Caín no paro nun momento dado. Viña do sector do automóbil pero estaba aburrido do tema. Como sempre me gustara o mundo do horto, do rural e do medio, o que fixen foi empezar a montar uns invernadoiros pero había que vender a produción e había que buscar un sitio para vendela. O respecto á terra é importante e penso que non temos que mirar o momento actual senón o futuro... ¿que ambiente lle deixamos aos nosos fillos? Teño coñecidos que din que ‘cando tes unha praga ataca con forza’. ¡Si claro! Desaparece a praga, pero cada vez é máis difícil tirar para diante. É mellor intentar adaptarse ao medio, intentar aprender a convivir coas pragas e intentar deixar menos pegada ecolóxica.

-Cal é a súa opinión da da pataca?

-Moi sinxela. A Administración esta cometendo moitos erros. En setembro do ano pasado sabían cales eran as circunstancias pero non fan nada, déixanlle á xente comprar a semente e plantar e cando vai xa media campaña din que van tomar determinacións. En Sudamérica din que non son capaces a combatela. Coma con todo inimigo, considero que se non es capaz de eliminalo aprende a convivir con el. Significa que utilices as túas armas, o máis apropiadas posibles.

-Xa lle afectou a polilla?

-Xa a tiven hai dous anos. Teño unha nave a aínda matei varias no almacén. Se vas con luz aparecen. Penso que hai cousas importantes a facer como rotar os cultivos e tamén hai produtos ecolóxicos que funcionan perfectamente para combatela. O que eu utilizo paréceme bastante eficaz.

-Pero se non deixan plantar...

-Xa as teño plantadas. Eu xa teño o invernadoiro cheo delas... ¡que me digan a ver que pensan facer! Isto paréceme que é unha tomadura de pelo, por dicir unha cousa máis suave...

-E será tema de debate cada día.

-Todos os días.