«Levamos días recibindo a moita xente con proxectos e en busca de información»

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Veciños, empresas e asociacións teñen aberto o prazo para solicitar axudas do Leader para crear negocios ou servizos

14 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, en O Valadouro (Casa da Cultura, 20 horas), comezan na Mariña as charlas informativas para dar a coñecer as axudas do programa Leader 2014-2020. Tralas reunións das mesas sectoriais nas que se expuxeron ideas para fomentar o desenvolvemento da comarca, a xerente da asociación Terras de Miranda que xestiona o Grupo de Desenvolvemento Rural, Elena Martínez, ofrece asesoramento. O GDR ten a súa sede na Casa da Cultura de Mondoñedo e nons vindeiros días pasará as súa oficina ao Centro Comarcal. Desde alí asesorará a asociacións, empresas e vecinos de catorce concellos mariñáns.

-¿Que repercusión terá na comarca esta nova edición dun programa con fondos europeos?

-Terá gran repercusión no territorio. A estratexia de desenvolvemento para a nosa zona saiu da reunión das mesas sectoriais (do sector forestal, agrario, público, turístico, social...). Sairon ideas, necesidades de territorio e potencialidades, e definiuse a estatexia de desenvolvemento. Creo que, xunto coas liñas de actuación que permite Agader, haberá subvencións para o sector agrario, forestal, para diversificar actividades no medio rural, para prestación de servizos... conseguiremos que haxa un desenvolvemento integral do territorio. Afecta a todo o territorio á hora de pór en marcha novas iniciativas e de crear e consolidar empregos.

-¿Que explicarán nas charlas que darán por toda a comarca?

-Explicaremos cales os obxectivos da estratexia. O primeiro é fomentar as sinerxias entre o turismo e o resto dos sectores do territorio. Aí entran actividades tanto de valorización de produtos e de recursos agrarios, como o fomento da actividade turística... Tamén se persegue mellorar a calidade de vida da poboación, potenciando a creación de máis servizos, tamén de servizos orientados a colectivos máis desfavorecidos, programas de atención infantil que faciliten a conciliación laboral e familiar... Outro obxectivo é impulsar o recoñecemento e o aproveitamento do patrimonio cultural e ambiental e fomentar a cooperación entre empresarios locais para buscar solucións comúns. Falaremos nas reunións dos proxectos que se poden presentar, de quen pode ser beneficiario do proxecto, dos trámites, dos prazos...

-¿E que prazos teñen os veciños, asociacións ou empresas para presentar as solicitudes?

-O prazo de axudas abreuse o pasado 30 de xaneiro e estará aberto ata o 31 de marzo. Iso na primeira convocatoria. De quedar cartos nesa primeira convocatoria abriríase unha segunda, ata o 31 de maio. Levamos días recibindo a moita xente que chega con proxectos e en busca de información. Uns proxectos son máis inmediatos e outros, para pór en marcha a partir do ano que vén.

«Esta anualidade contamos con 563.337,58 euros para repartir axudas»

-¿E para que tipo de proxecto van buscando información á súa oficina?

-Moitos parten de cero, non tiñan moito coñecemento do programa e non presentaran proxectos con anterioridade, veñen informarse por primeira vez. Tamén acoden asociacións sin ánimo de lucro para prestación de servizos a persoas con discapacidade, moita xente do ámbito do sector turístico, veu xente con ideas para aplicar no sector agrario para empleo de enerxías revovables ou como segunda actividade ou complementaria á principal, empresas que queren axudas para modernizarse e outras para nova creación...

-O GDR manexará tres millóns de euros para inxectar na Mariña en proxectos produtivos e non produtivos, ¿cantos fondos teñen este ano para subvencionar proxectos?

-Esta anualidade contamos con 563.337,58 euros para repartir axudas e para o 2018, xa saiu unha convocatoria parcial de 278.567,66. Sae a parcial para que nesta anualidade podamos comprometer proxectos bianuais.

-¿Xa rexistraron algún proxecto?

-De momento non hai proxectos presentados. A diferencia doutras convocatorias, este ano vai por concorrencia competitiva, por iso non é tan importante que se presenten antes ou despois os proxectos senón que esas solicitudes para subvención vaian ben traballadas.