«Rematei a novela no día das San Lucas, tiña un bo pálpito»

Iván Díaz Rolle
I. DÍAZ ROLLE VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

A súa nova obra, «A raíña das velutinas», situada en Mondoñedo, gañou o premio Lueiro Rey

13 feb 2017 . Actualizado a las 20:28 h.

A raíña das velutinas será a primeira novela que publique o alfocense Lionel Rexes (París, 1971). A conquista do prestixioso galardón Manuel Lueiro Rey vale a súa edición e unha dotación de 3.000 euros. «Ver publicada esta novela é unha gran satisfacción, porque aínda que gardo moito cariño ao relato curto, as narracións longas teñen un maior percorrido», explica.

-Como recibiu o premio?

-Con moita ledicia. Tiña xa seis premios literarios, pero todos de relato curto. Aprecieinos moito, pero agora que levaba tempo traballando en novelas isto supón un antes e un despois para min.

-Agardábao?

-Tiña moi boas sensacións porque notaba que a historia me estaba coincidindo redondeada. É unha historia que parte dun feito real e toca temas vinculados coa guerrilla antifranquista, os guerrilleiros que aínda quedan vivos e polo medio outro tipo de tramas totalmente actuais. Todo ía casando. Curiosamente, é unha novela ambientada en Mondoñedo que rematei de escribir no día de As San Lucas. Para os que escribimos, que cremos un pouco no realismo máxico, esas cousas son importantes. Iso deume un bo pálpito.

-Tivo moita competencia?

-Non coñezo ese pormenor, pero dixéronme que si se presentaran moitas novelas.

-De onde sae o título?

-A novela trata doutro tema, pero A raíña das velutinas emprégase como metáfora. É unha praga, unha ameaza que rompe o equilibrio natural. Na parte fundamental da novela hai unha frase da protagonista que fai referencia a iso e de aí sae o nome. Creo que a clave da novela está nesa frase e por iso decidín titular así.

-Destacan o gran traballo de documentación da obra. Canto tempo lle levou?

-Foi escrita con présa. Todo naceu en setembro, nunha casa rural de Mondoñedo, nunha charla coloquio sobre un guerrilleiro antifranquista, Francisco Martínez, un berciano de 91 anos, que combatiu en varias comarcas galegas. Foi todo moi discreto, sen coñecemento dos medios. Iso xa me pareceu moi novelesco. Despois visitamos lugares da contorna de Mondoñedo vinculados á guerrilla antifranquista. Alí conversei con Fernanda Cedrón, a neta do gardarríos, e de aí foi xurdindo todo. Xa fun anotando datos cando nin sequera sabía que ía escribir unha novela. Despois, claro, documenteime na rede e con varias enciclopedias.