«Hai bastante canteira de científicos»

El e o actor Vicente Mohedano levan «Código Sapiens» a alumnos de Cervo e Xove


san cibrao / la voz

O neurocientífico focense, que tamén admite como orixe «da Mariña» ou «universal», Xurxo Mariño estivo onte na Casa da Cultura cervense acompañado do actor Vicente Mohedano para ofrecer diante de alumnos do IES Illa de Sarón de Xove e do IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao o espectáculo científico-teatral Código Sapiens, centrado na evolución da linguaxe no ser humano, despois de ofrecer alí tamén discurshows anteriores como Matarratos Darwin e Protón: a fascinante vida dunha partícula inmortal... ou case.

-Como leva a xira de charlas?

-Con demasiado colapso. Teño demasiadas actividades de divulgación. Todas as semanas me siguen solicitando charlas pero xa teño cuberto todo o ano, excepto en vacacións.

-Hai pouco criticaba en Twitter un libro sobre constelacións familiares e cancro... Como científico, ¿cal é o seu posicionamento?

-Riguroso e preocupado porque agora os seres humanos temos unha ferramenta moi útil para o coñecemento e sen embargo hai xente que segue inventando ferramentas de orixe medieval... sen pés nin cabeza. A señora que presentou ese libro non é científica. Iso é anticiencia, é un delirio pero que a moita xente lle resulta atractivo.

-Como quere presentarlle aos máis novos o mundo da ciencia?

-O obxectivo é transmitir a gran capacidade que ten a ciencia para comprender o mundo. É unha ferramenta útil e abraiante, podes gozar moito utilizándoa e dedicándote a ela.

-Hai canteira de científicos?

-Si, realmente hai bastante canteira. Non creo que sexa un problema, senón que o problema é conseguir que o traballo se transmita con maior énfase ao resto da sociedade porque a sociedade aínda é incrédula para moitas cousas. Por exemplo unha persoa vai ao médico pero tamén toma medicamentos homeopáticos ou vai a reiki. Sen embargo, utilizamos a ciencia e tecnoloxía todos os días. Cando se marcha a luz dámonos conta. Os seres humanos que vivimos en Galicia non sabemos vivir sen luz dúas horas... ¡xa e un completo cataclismo! É unha mostra da sociedade científica-tecnolóxica que somos.

-Haberá xente que lle dá a todo...

-A maioría da xente non sabe diferenciar o que é ciencia do que non é ciencia. Unha das nosas labores é axudar a comprender como funciona a ciencia.

-Que fan Vicente Mohedano e vostede en «Código Sapiens»?

-Mesturamos charla e teatro utilizando a gran capacidade que ten o teatro de subxección, crear atmosferas e transmitir cousas. Combinamos charla normal cunha representación teatral de Vicente na que el transmite distintos conceptos. Así, explica cunha canción, que é unha xenialidade súa, un problema evolutivo que é o dilema obstétrico. O parto humano é moi complicado porque os bebés son moi cabezudos. El explícao cantando. Noutro momento ten un monólogo onde fala da vida dun oficinista namorado pero utilizando termos matemáticos. En Código Sapiens describimos o proceso evolutivo da linguaxe, que é un dos grandes misterios da ciencia actual. Estreámolo en Bilbao e o segundo foi no Teatro Victoria Eugenia de San Sebastián, que enchemos ao cen por cen.

-Para cando a publicación do libro da magnífica e sorprendente volta ao mundo que fixo?

-O libro vai saír marzo, en galego e en castelán. Xa está listo. En Xerais. Chámase Terra.

Votación
2 votos
Comentarios

«Hai bastante canteira de científicos»