Árbores preto das casas e vías de comunicación

Miguel Sande, Delegado de La Voz en A Mariña y Occidente de Asturias OPINIÓN

A MARIÑA

06 feb 2017 . Actualizado a las 17:24 h.

Hai uns días tiven ocasión de coñecer e tomar un café en Viveiro cun vello axente forestal, Amador López Albo, a quen ?seguro- moitos de vostedes coñecerán; pareceume unha excelente persoa. Agora xa está xubilado, pero dedicou a súa vida a cuidar da natureza e dos nosos montes. Da gusto oílo; coñece case todos os secretos da terra e ademáis, compón versos nos que reflexa ese amor en xeral polo campo.

Pois casualmente durante esa conversa falamos das árbores, da distancia das árbores ás vivendas e ás vías de comunicación. Concluíamos en que tal distancia non se respecta, nin tampouco se extrema a vixiancia como se debera para facer cumprír a normativa. O que pense eu, profano niso, non ten demasiada importancia; pero a opinión del si se debe de ter en conta. Por desgraza, acertou ademáis.

Mágoa que teña que vir un temporal para nos decatar. Non aprendemos nin aprenderemos nunca. O egoísmo por plantar unha árbore máis ás veces céganos. Hai estradas, moitas lamentablemente, que son coma «rateiras» para os condutores. Volveu suceder estes días atrás de vendaval. E un perigo preto das casas.

Vixiar o cumprimento da normativa

Hai encargados de vixiar o cumprimento da normativa con respecto das plantacións, no que se refire ás distancias coas vivendas próximas e ás vías de comunicación? Non só pensando nos lumes, que tamén.

Onte no xornal líamos que en Castroverde morreu un home agardando por unhas ambulancias que tardaron tres horas en chegar á súa vivenda porque as árbores atrancadas nas estradas impedíronlles chegar antes (por dúas direccións distintas). Ao mellor ese home falecería igual, pero as ambulancias demoraron a súa chegada tres horas por culpa desas malditas árbores.

Na Mariña hai anos tamén morreu unha persoa a carón da estrada da costa aplastada por unha árbore. (Onte mesmo en Muras). Sei que hai percances accidentais inevitables, que seguirán producíndose aínda cumprindo coa normativa, pero reduciríase o número alomenos.

O que quero dicir é que debería de poñerse máis atención no cumprimento desta normativa por parte da Consellería respectiva. Son moitos os condutores e peóns que circulan por estradas circundadas por árbores en ambos os dous marxes. A carón mesmo dos arcéns. Son moitas as persoas que viven coa ameaza das árbores preto da súa vivenda. Polo noso propio interés, pola nosa propia vida. Quen incumpre, non ama a natureza nin a respecta; o que é quizáis peor, tampouco nos respecta aos demáis e pode que se estea a facer dano a si mesmo.

Miramos pouco á natureza

Ten razón Amador L. A., miramos pouco á natureza; non a respectamos. Pode que non saibamos mirar xa máis aló da nosa sombra. Que non nos recoñezamos xa nela, sequera. Sempre é un pracer escoitar a quen sabe. Aínda hoxendía á súa idade A.L.A. érguese a primeiriña hora da mañá ?todos os días do ano- para recoller os datos de pluviometría da estación que ten no alto da horta da súa casa en Xunqueira. E leva conta e fai estudios comparativos da chuvia caída e tamén poemas.