«Claudino deixábame gastar os papeis que quixera»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

pepa losada

Para o deseñador é un orgullo e cousa de moito agradecer que o nomeen fillo predilecto de Mondoñedo

05 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Vizoso (Mondoñedo 26/03/1950) será nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en marzo. «É un orgullo. É unha cousa de moito de agradecer ó Concello e ós que promoveron todo iso. Xa se pode imaxinar, a min éncheme de orgullo, isto demostra o cariño e o aprecio que me teñen, pero non sei se son merecedor». Ós 18 anos marchou da súa cidade a traballar a Sargadelos. Durante vinte anos os seus deseños marcaron a imprenta na famosa cerámica galega e nas portadas e ilustracións dos libros de Edicións do Castro.

-¿Marcouno Mondoñedo?

-Mondoñedo para min é o máximo. Eu quedei marcado, todos levamos un disco duro na cabeza e ese disco duro cando está fresco é cando quedan gravadas as cousas máis importantes da vida dun. (...) Cando xogas cos rapaces, cando te crías de pequeno, o instituto, logo a cidade, que Mondoñedo é única.

-Me contou nunha ocasión que aprendeu a debuxar os cabalos mirando os das San Lucas.

-Si, eu fixera un contiño sobre o meu primeiro cabalo, relatando esa historia. O cabalo sempre foi o animal que máis me cautivou. Recordo as greas que pasaban por alí para as San Lucas, non un día, senón tres ou catro días antes. Viña a calle chea de poldriños, de eguas... Iso me impresionou e cando sentía o ruído dos cascos xa me ía ó portal mirar e ver pasar todo. (...) Iso me quedou gravado e sempre me deu por debuxar cabalos. A min mandáronme á escola de unha señora, Dona Amalia de Picaza, vivía ó lado da barbería do Romeiro, a vinte metros da miña casa. Ela estaba encamadiña e tiña unha canabeira, pero nunca con ela nos daba. Levábamos un banquiño e a pizarra, eu dáballe volta cando se quedaba durmida e poñíame a debuxar, e sempre cabalos. Non me saían a parte de atrás e baixei á casa de Claudino, que sempre tiña alí cabalos atados, e estiven mirando para o cabalo un cacho e subín correndo para arriba e xa rematei. Desde aquela sempre me saíron ben. No ultramarinos de Claudino tiña montóns de papeis de estraza e cada paisano que viña por alí o retrataba. Me deixaba gastar os papeis que quixera e me daba un bolígrafo; é máis, a rapaza, Aurorita, cando me vía chegar dicía, ‘papá , bolífano’; eu sempre llo recordo cando a atopo e bótase a rir.

-Despois tivo a sorte de contar con Juan Puchades.

-Non cabe dúbida, foi onde máis estiven e aprendín cousas. Ademais ía o estudo del e me deixaba as ferramentas, que iso é sagrado (...) A Puchades lle teño un aprecio tremendo, foi con quen empecei. E moita xente de Mondoñedo lle debe moito a este home. É unha persoa única.

-Foi Puchades quen o animou a entrar en Sargadelos ¿Non?

-Si, foi el o que veu un anuncio na prensa e llo comentou a meu pai. Eu non fun de moi boa gana, pero bueno, fixen o exame e ás dúas semanas me mandaron unha carta de Cerámicas do Castro, de Osedo (Sargadelos daquela non existía), dicíndome que era a persoa que necesitaban e esperaban que me desprazara á planta piloto de cerámicas do Castro, con todos os gastos pagos e cinco mil pesetas de dietas. No ano 1968 aquilo era unha porrada de pasta. (...) Alí estiven uns meses marcando pratos á man e demais e logo xa vin para Sargadelos. Cando entramos éramos oito. Estaba Lalo Gradaílle, que se quedou de encargado de decoración; Manola Segurado e Fina Santos, en decoración; a irmá, Esther Segurado, que estaba na cousa administrativa, e logo Pepe de Pallares e Suso que era forneiro e outro que andaba por Pénjamo. (...) Cando entras no patio hai unhas columnas pintadas de ocuro, esas columnas é o cacho que empezou como fábrica. Os que entramos alí vimos construír todo o resto da planta circular e aquilo pouco a pouco foi aumentando e indo para arriba para arriba (...).

-E converténdose nun símbolo, do que vostede foi parte.

-Si. Tiven a sorte e o privilexio de estar sempre ó lado de Díaz Pardo. Foi outro dos grandes mestres que tiven. Todo o que me mandaba o facía e rara vez el lle daba para atrás. E logo ademais facía outras historias, como carteis, debo ter máis de 130. As cubertas e ilustracións de Edicións do Castro, máis de 300, e logo as cousas que fixen para fóra. Estiven facendo para Budapest un encargo dese gran director de teatro Ricardo Salvat. Fun seis veces alí, a Budapest, ó Teatro Húngaro.