«Temos moita ilusión co concerto do sábado»

m. a. s. corral VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

pepa losada

Uns 60 rapaces de 7 a 15 anos ofrecerán un concerto no teatro Pastor Díaz

03 feb 2017 . Actualizado a las 22:20 h.

Carlos Timiraos está moi contento e con tanta ilusión coma os rapaces e rapazas que forman parte da Banda Xuvenil de Música de Viveiro (60), e que este sábado van ofrecer un concerto no teatro Pastor Díaz ás 20.30 horas.

-En que vai consistir este concerto?

-Vai ser un concerto moi especial; será o terceiro concerto desta Banda Xuvenil e todos temoas moita ilusión nel. Imos ofrecer música de todo tipo, didáctica, pezas moi entretidas, música de diferentes países e ata de películas coñecidas, coma «Titanic» ou «Piratas del Caribe». Creo que vai gustar e entreter ao público.

-A banda xuvenil está formada por uns 60 rapaces e rapazas.

-Si, cunhas idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos. Xurdiu grazas ao esforzo da directiva da Banda Municipal, dos profesores tamén. En novembro do 2015 a Banda Municipal foi visitando aos colexios de Viveiro para lles ensinar os instrumentos e o noso traballo e aí foi cando se materializou a creación da Banda Xuvenil, visto o interés de moitos xóvenes en formar parte da Banda. Grazas a iso tamén aumentaron as matrículas no Conservatorio de Música e fomos traballando e mellorando ata hoxe. Quero salientar isto: sentímonos moi ilusionados coa Banda Xuvenil de Música e co nivel que logramos ter, bastante alto. Eu estou moi contento; a Banda Municipal dos maiores é un referente para eles e creo que todos saímos beneficiados, uns dan enerxía aos outros. E polo momento, xa digo, a experiencia é fenomenal, para todos. Estamos verdadeiramente satisfeitos coa Banda Xuvenil.

-Pode entrar aínda máis xente nova que estea interesada en formar parte desta Banda Xuvenil?

-Neste momento non, porque non podemos coller máis xente agora; non damos máis. A ver se para o próximo curso podemos abrir esta posibilidade para que se incorpore algunha xente máis, que poida estar interesada.

A Carlos Timiraos, director da Banda, nótaselle nesta conversa que está moi ilusionado con este proxecto, que a experiencia está a dar resultado e que hai vontade e gañas de facer cousas.

O concerto da Banda Xuvenil de Música de Viveiro deste sábado no teatro Pastor Díaz vai ser o terceiro que ofreza esta nova formación, despois do concerto da súa estrea en xullo do pasado ano e un segundo concerto ofrecido en agosto.

Onte pola tarde tiñan un ensaio no Conservatorio de Música para preparar ben e a fondo este concerto baixo a batuta de Carlos Timiraos. A música ten raíces fondas en Viveiro e na Mariña, en xeral, e este é un bo exemplo de que hai canteira, savia nova, e interés.