2017, Ano de Maruja Mallo nas Artes

Miguel Sande Corral
m. Sande VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

archivo carlos nuevo cal

Viveiro volverá a ter protagonismo

09 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega de Bellas Artes decidiu dedicar este novo ano, 2017, á pintora Maruja Mallo, musa do surrealismo nada en Viveiro. Nesta decisión, adoptada por maioría, a Real Academia tivo en conta, «a importante significación da súa obra plástica, o seu contacto con artistas, escritores e intelectuais coma Dalí, Lorca, Buñuel, Ortega y Gasset, Alberti, Neruda, Breton ou Eluard e mesmo María Zambrano, e a súa integración nas vangardas, así coma o seu carácter transgresor e a defensa dos dereitos da muller».

Viveiro, protagonismo

Viveiro volve ter protagonismo un ano máis na cultura galega. O pasado ano xa o tivo con motivo do centenario das Irmandades da Fala, con Vilar Ponte á cabeza; a cidade do Landro acolleu diversos actos conmemorativos organizados en colaboración coa Real Academia Galega. Neste 2017 Viveiro volve ser en parte protagonista como cidade cultural de referencia, desta vez pola homenaxe nas artes a Maruja Mallo, unha pintora destacada, vangardista, sobresaínte. Ás máis das veces parece que as anécdotas e aventuras que, din, protagonizou esta muller de espíritu libre cando outros artistas apaguen en certo xeito a súa enorme valía como artista.

O 1 de abril, día sinalado

Figura do surrealismo na xeración do 27. Unha das máximas representantes; de feito, aí están as súas obras en museos coma o Pompidou ou o Reina Sofía, entre outros. Pero da súa figura, da súa obra e do seu tempo e vida poderían falar con máis acerto e coñecemento outros moitos historiadores e estudosos, entre eles o propio cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo. Por exemplo, o verdadeiro nome dela era Ana María Gómez González e foi a cuarta filla de catorce irmáns.

O 1 de abril é o día sinalado pola Real Academia Galega de Belas Artes para celebrar e festexar esta efeméride. Para dar a coñecer a obra desta enorme pintora que viviu o surrealismo en toda a súa extensión, que se tivo que exiliar a América por unha longa tempada e só cando regresou -e xa no final da súa vida- sería recoñecida aquí.

Medalla de Galicia en 1991

No ano 1991 recibiu a Medalla de Galicia e no 93, un ano despois do seu 90 aniversario, celébrase unha gran exposición antolóxica de Maruja Mallo en Compostela para inaugurar o novo Centro Galego de Arte Contemporánea. Falecería en Madrid no 1995.

Un anos despois, no 2009, celebrouse tanto en Vigo coma en Madrid unha ampla retrospectiva sobre Maruja Mallo, «Mitad ángel, mitad marisco», como así a definira Dalí, que fora organizada pola Fundación Caixa Galicia e a SECC do Ministerio de Cultura.

Moitas historias se contan desta muller libre

Viveiro volverá ter un protagonismo especial tamén este ano en Galicia ao ser o 2017 a ano dedicado nas artes a Maruja Mallo. Si, a muller que en Madrid ideou coa súa amiga Margarita Manso unha performance na mesma Porta do Sol baseada en non levar sombreiros (co cal foron insultadas e houbo intentos de agresión naquel tempo por iso) ou que entrou nunha igrexa en bicicleta como expresión da súa rebeldía, entre outros moitas historias que se contan desta muller libre, co que iso custa. Pero por riba de todo, moi por riba diso, permanece a pintora.