«Ao 2017 pídolle saúde, o resto vén con traballo»

A MARIÑA

Picasa

Despedirá en Viveiro, «ca familia», un ano no que foi campión de España nos 1.500 metros lisos e fichou polo Barcelona

29 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Son as nove da mañá do mércores 28 de decembro e Adrián Ben está a piques de comezar o terceiro día de concentración en Hornachuelos (Córdoba) ca selección española de medio fondo. «Tralo almorzo temos dúas horas de descanso e despois adestramos. Xa pola tarde, algúns teñen descanso e outros adestran. Eu aproveito as horas libres para estudar», conta o atleta viveirense do FC Barcelona.

-¿Non se fan aburrridas esas concentracións?

-Non, non, pasámolo xenial, coma nenos, e ademais penso que son moi necesarias.

-O «stage» ca selección española remata o día 30. ¿Despedirá o ano en Viveiro?

-Si, ca familia. É a mellor maneira de gozar destas festas.

-Ribadeo organiza unha boa San Silvestre. ¿Participará?

-Non, non. Estou preparando o Cros de Edimburgo...

-Pero seguro que ese día adestrará e tamén o día de ano novo.

-En fin de ano seguro que si, pero o día de ano novo non o teño claro aínda.

-¿Cústalle coidar a alimentación nestas festas?

-Non pasa nada por exceder un par de días. Gústame o turrón, pero non paso todo o día coméndoo. Ademais, nun adestramento xa queimo esas calorarías de máis.

-¿É dos que segue as tradicións? As uvas, unha prenda vermella...

-Sempre. E non só como todas as uvas e poño unha prenda vermella, tamén tomo un puñado de lentellas.

-O das lentellas non é moi habitual. Din que tamén trae sorte.

-Si, eso din, pero eu fágoo porque o fai miña nai.

-¿O 2016 foi o seu mellor ano?

-Foi bo, moi bo, pero non mellor que o 2015, no que gañei tres campionatos de España, batín varios récords galegos, fun sexto no Mundial...

-¿O título nacional júnior de 1.500 ou a fichaxe polo Barcelona? ¿Que lle fixo máis ilusión?

-Quizáis o título nacional, máis que nada porque considero que é máis difícil.

-¿Que lle pide ao 2017?

-Saúde. É imprescindible para traballar ben e tranquilo e seguir progresando. O resto vén con traballo.

-Abrirá o ano novo competindo no Cros de Edimburgo como membro da selección europea. Vaia responsabilidade...

-Participar xa está ben, ten moito mérito. Será unha experiencia bonita e tratarei de facelo o mellor posible. Non vou cun obxectivo concreto.

-¿Cal será o seu verdadeiro reto no 2017?

-O campionato de Europa de atletismo que se disputará en Italia no mes de xullo. Espero participar nos 1.500.

-Tokio 2020. ¿Imaxínase alí?

-Como di o Cholo, partido a partido. Antes teño outras moitas cousas nas que pensar e polas que traballar.