«O menú de gala era o meu forte, e o inglés dificultou un pouco as cousas»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

Pese ás esixencias da proba e a barreira do idioma, Vilar volta ó Valadouro cun terceiro posto do campionato de Europa de FP

06 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carreira meteórica a que está facendo o valadourense Gabriel Vilar Longarela no campo da hostalería. Aos 18, 19 anos atendía detrás da barra da Cafetería Méndez de Ferreira. Hoxe, con 23 anos, traballa no Hostal dos Reis Católicos e acaba de voltar de Ghotenburg (Suecia), onde se celebraron os campionatos de Europa de FP, cunha meda cunha medalla de bronce na modalidade e servizos de restaurante e bar.

-¿Cantos participaban na súa especialidade?

-Dezasete; previamente xa se fixeron outras fases, a de Galicia, a de España e a do mundo, na que quedei sétimo.

-¿Como sabe este terceiro posto?

-A verdade, bastante ben, despois de ver o nivel que había. Houbo países moi fortes, como Austria, Finlandia, Francia, que son os que máis medallas levaron e que viñan, moi, moi ben preparados. Este terceiro posto no era esperado; sabiamos que estabamos entre os cinco primeiros, pero non onde. Fixemos diferentes probas de restaurante e bar. Cafés, coctelería, coctelería de autor, servizo de banquete, servizo de menú de gala e servizo de bistró, que lle chaman.

-¿Cal era o seu forte?

-Era o menú de gala. Consistía en facer varias elaboracións diante do cliente. Primeiro un corte de salmón, uns langostinos flambeados, unha trinchaxe de cordeiro, un corte de tabla de queixos, servizo de café e decantado de viño. Isto era o servizo máis completo que había

-Con esta idade e estas clasificacións, vai como moi ben ¿Non?

-A ver se nos vale para algo.

-¿Por que o di? ¿Non traballa no Parador de Santiago?

-Si, si. no comedor do Parador.

-¡Qué lonxe queda aquela época do Méndez! ¿Non?

-Si, quen o ía pensar daquela.

-¿A que aspira agora?

-A poder dar clase en Hostalería, que é algo me gusta moito, e poder chegar a ser xefe de sala dun hotel, maitre.

-¿En España ou fóra?

-Si, en principio aquí. A ver estaría ben marchar fóra polo tema do inglés. O inglés dificultounos un pouco as cousas, tiñas que falar cos clientes, e os outros desenvolvíanse perfectamente.

«Gardei vacacións para poder practicar e ir alí a concursar»

A Gabriel Vilar, que concursou baixo o paraugas do CIFP Compostela, onde rematou o ano pasado os estudos, o sorprendemos onte durante a escala que fixo en Madrid, cando voltaba de Suecia. Previamente chegaban por Facebook os seus agradecementos a xente determinada e ao Hostal dos Reis Católicos, ao CIFP Compostela, aos IES Sanxillao, IES de Foz e Cafetería Méndez, nos que se formou. El anima aos rapaces a participar no que define como «o maior concurso de FP que existe a nivel mundial.

-¿Foi estresante?

-Bastante, foron tres días seguidos e moitas cousas que houbo que pelexar para poder conseguir algo. Tiven que esforzarme moito, este era un concurso do servizo real, pero na situación real non estás tan encima do cliente, aquí tes que sobreactuar un pouquiño e me custou; pero, ó remate, saíu ben, mellor do esperado.

-O van recibir cos brazos abertos aí no Hostal.

-A ver, a ver que din cando volva. De feito estou de vacacions, gardei vacacións para poder practicar e para poder ir alá.