«Nestes goles entra un de cada mil, a sorte ten moito que ver»

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O tanto do xogador do Lourenzá ante o Sporting Pontenova foi elixido como o mellor da fin de semana dos equipos galegos

09 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha volea desde máis aló do vértice dereito da área que se colou pola escadra contraria. Así foi o mellor gol galego da fin de semana segundo o programa da TVG2 En Xogo Goles. Asinouno Iván Recalde, xogador e capitán do Lourenzá, un veterano de 33 anos que pasou polo Xove Lago, o Foz e o Iberia antes de botar raíces definitivamente no club da súa vila natal, no que cumpre a súa décima tempada, e que sempre destacou pola súa técnica depurada.

-Moito do público mariñán non fala doutra cousa e nas redes sociais foron miles as persoas que viron o seu gol.

-Estou sorprendidísimo. É verdade que foi un bo gol, pero o que menos esperas é que o vaian emitir en televisión e moito menos que sexa o mellor da xornada. Estou contento, claro, pero sobre todo porque nos serviu para empatar e non descolgarnos. O noso obxectivo é ascender e este punto pode ser importante.

-¿Viviu en directo a elección do seu gol como o mellor?

-Que va... O domingo á noite cheguei a A Coruña [onde traballa], estiven vendo MasterChef e non lle prestei atención ao móbil, entereime da nova o luns. Tiña máis de 160 whatsapps sen ler. De amigos, familiares, compañeiros de equipo... Case todos felicitándome.

-¿Foi o mellor gol da súa carreira?

-Non sei se teño marcado goles máis fermosos. Máis difíciles creo que si, algún de falta directa. Tamén recordo un co Foz ante o Racing Vilalbés no que arrinquei desde o mediocampo e planteime diante do porteiro.

-Este non era sinxelo.

-Non, claro que non, pero nestas accións a sorte ten moito que ver. Nestes goles entra un de cada mil, o habitual é que se che vai arriba ou que a pare o porteiro. Foi nunha indecisión dos centrais, o balón caeume no sitio xusto, esperei o bote e pegueille un pouco co exterior do pé, por iso me saíu tan preciso o remate. Se lle pego 999 veces máis seguro que non marco.

-¿E viu despois os outros goles que competían co seu?

-Si, en Internet. E había un dun xogador dun equipo que non recordo que tamén foi un golazo, case mellor que o meu. Foi un zurdazo desde case o mediocampo que entrou pola escuadra. Teño dúbidas se a súa intención era despexar ou tirar a portería.