«A moita xente dalle pena, leva comprando aquí sempre»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

p.losada

08 nov 2016 . Actualizado a las 13:43 h.

O propietario de Chasis e Caché, Manuel Balseiro está xa cun pé na xubilación, deixando atrás eses negocios que marcaron a súa vida e a da muller. Sorrí ao lembrar unha anécdota do inicio de Caché: «Na primeira campaña quedamos sen produto. Aquilo fora un espectáculo. Ata saíra a tenda nun libro estranxeiro e premiaran o decorador».

-Esta decisión, implica o peche das dúas tendas viveirenses?

-Tomeina cando xa tiñamos todo o de verán comprado, porque as campañas veñen con oito meses de antelación, e tiven que anulalo. Comunicamos a decisión aos provedores e algún, ao que lle merco bastante, díxome ‘es una pena para el tipo de cliente y la facturación que tienes, ¿me permites que yo busque una persona para este negocio?’ Eu encantado, sempre e cando fose do mesmo perfil e da roupa que teño eu, contesteille. Así xurdiu. Se non hai contratempos, están as dúas tendas (Caché e Chasis de Viveiro) alugadas. Falo dunha firma de prestixio.

-Trinta anos de Caché. Como se lle ocorreu o nome?

-Simplemente, gustoume. A meu pai chamábanlle en Covas O curiña e a min, por herdanza de meu pai pero ao montar eu Caché, este nome comeume o apodo. Xa me quedou Caché.

-Sempre traballou na moda...

-E non me deu máis que satisfacción, iso podes poñelo. Sempre traballei a gusto. Afortunadamente, tiven clientes que máis que nada xa eran amigos e viñan aquí, charlabas con eles... ¡iso si que o vou botar moito de menos! Non podo falar máis que ben da clientela. Aquí xa viñan comprar a terceira xeración. Vendín ao avó, ao pai e algún neto que me compraba xa. Sempre me encantou o trato coa xente, que che conta a vida e a confianza chega a ser extrema. Ademais teño un persoal... Elvira, que estivo sempre con nós, tamén se me xubila agora. Blanca e Silvia levan comigo moito tempo.

-Chegados aquí, parece obrigado preguntarlle cantos anos ten e como veu a evolución da moda.

-(Ri) ¿Anos? Moitos... 76. Non sei se é por botarme un piropo pero ninguén mos bota. Ata na forma de vestir tes un gran problema nas tendas e é que o cliente hoxe en día rexuveneceu uns quince ou vinte anos e poñen prendas os de oitenta que antes se poñían aos sesenta.

-Así xa pode tomar as rendas da súa vida, sentirse máis libre.

-Máis libre si porque este negocio ata e non vale estar a medias. É de dedicación plena.

-Son prendas para sempre.

-Hoxe estivo na tenda un señor que traía unha prenda de Burberrys que lla debín vender hai nove anos e traíaa impecable. Algo así non o das gastado na vida. Sinto que á xente tamén lle dá moita pena. ‘¿Manolo, que vou facer?’ Lévoche comprando toda a vida’. Vén xente de Ribadeo, Ortigueira e moito cliente de Lugo. Pero que non se preocupen, que roupa hai.

-Ten vostede algunha desas prendas eternas ou especial?

-Eu varío moito de roupa. Por exemplo uso moita chaqueta de Hackett que me encanta e pantalón de Fiorentina de Armani.