«Ilustrar as San Lucas é unha honra»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Os seus debuxos acompañaron as 9 Crónicas das San Lucas que publicou La Voz

26 oct 2016 . Actualizado a las 20:27 h.

Antón Caxoto (Cervo, 1971) prefire que lle chamen garabateiro. Os seus debuxos acompañaron nas feiras mindonienses as Crónicas das San Lucas que publicou La Voz de Galicia en A Mariña. Outros pódense ver na web www.garabatos-caxoto.webnode.es.

-Como foi a experiencia de ilustrar, xa o ano pasado, As San Lucas e que lugar ocupa Mondoñedo e como na súa formación?

-Mondoñedo é a miña segunda patria... Alí pasei os catro anos de instituto onde deixei de ser un neno para empezar a artellar  un proxecto de vida. Dalí son Francisco Piñeiro e alí tiven por mestre a Juan Puchades. Ambos axudáronme a ser o que son. Pero tamén é de Mondoñedo Xosé Vizoso, ao que dende mociño admirei. Ilustrar As San Lucas é unha honra inmensa que teño a sorte de vivir ao carón de auténticos malabaristas da pluma. 

-Xa citou algúns. De que máis aprendeu ou segue a aprender?

-Ademais dos xa nomeados, Castelao, Maside, Van Gogh, Mingote, Egon Schiele, Xaquín Marín, Quino, Edu Albo,  Mortadelo e Filemón (Ibáñez)... e tantos outros anónimos que cada día me alimentan dende as redes amigas, en encontros, etc. Trato de ser unha esponxa.

-Tras desenrolar o traballo de arquitecto, como encaixou o debuxo e a ilustración? Era como unha vía de escape á parte máis técnica do seu currículo?

-Vou facer unha confesión. Traballo de arquitecto e vivo delo, pero non son arquitecto, ou polo menos non me sinto. Antes síntome garabateiro. Non me gusta a palabra ilustrador. Dende ben pequeno fixen garabatos e arquitecto só o son dende fai 16 anos. Polo tanto, o que teño que encaixar é a arquitectura no mundo garabateiro, non ó contrario.

-Nas caricaturas, que liña segue?

-Empecei no instituto buscando a liña simple, pelexaba por parecerme a Castelao, Siro... pero cada vez son máis barroco, quero deixar centos de detalles que entreteñan e toleen ao observador ó mesmo tempo que definan ao caricaturizado... pero tal e como digo isto podo dicir o contrario. Teño días...

-Que busca transmitir na viñeta?

-Trato de ser obxectivo e tratar temas do día a día. Son viñetas espontáneas e sen apenas produción, fotografadas e publicadas en Facebook [Garabatos(caxoto]. Xa sei que non o consigo e que acabo definíndome, aínda que sexa levemente. O que pasa é que traballo moito a sorna e ésta deixa espazo para a dúbida. Son un cabroncete pero sen usar o insulto nen a caricatura ferinte gratuíta... tan en boga actualmente.

-É máis de viñetistas politicamente correctos ou cre que o lapis tamén pode ser unha «arma» de denuncia social e outras?

-Quero crer que se pode ser politicamente correcto, entendendo por tal non ferir por ferir ao observador, senón con datos obxectivos ou subxectivos, pero datos ao fin e ó cabo, e tamén facer denuncia social. Os exemplos máis tanxibles son os mestres Mingote e Quino pero... leches!!!! Para iso hai que ser moi talentoso e hoxe en día hai moito mediocre subido de ton con acceso aos medios.

-Xosé María Cao foi unha figura na Arxentina. Que admira ou comparte con este cervense?

-Por acotar puntos xeográficos dicir que naceu en Viladesuso (Cervo). Eso compartímolo ambos. Admiro a súa biografía en xeral, sobre todo naqueles momentos nos que a súa vocación o puxo en perigo logrando el saír sempre adiante. As súas viñetas son precursoras de todo o que hoxe se fai, e curiosamente, na Mariña Lucense apenas o coñecen un cento de persoas. Penso que segue sen nomearse nas escolas.

-Cal foi a súa colaboración ou aportación a algún proxecto da que quedara máis satisfeito?

-Soará a tópico, pero nunca quedo satisfeito. A aportación artística que me contente aínda está por chegar.

-Está en mente seguir expoñendo e prepara novas obras con ese fin? Sería a seguinte na Mariña?

-Acabo de expoñer en Cervo 30 acuarelas,  onde apenas coñecían nada meu. Despois de asustar aos veciños haberá que esperar un tempo a que recuperen folgos. Pero si que hai proxectos variados, entre eles un cómic policíaco, un monográfico sobre a cidade vella de A Coruña Á vista dunha gueivota inquieta. E xa en Cervo, un mosaico no patio do Caseto de Copa que, dito sexa de paso, pon o seu grao de area en pos da cultura gráfica dende a vila do Xunco...

-Que está a debuxar agora?

-Nun retrato moi especial a un amigo, labrego amante da cultura, a arte... un home pasional que me conquistou coa súa xenerosidade anónima. E ata aí podo ler.