«As colas para o pulpo son por algo»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

xaime f. ramallal

A caseta de Cesáreo Eijo na festa das San Lucas goza sempre dun tremendo éxito entre os sanluqueiros

20 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ir ás San Lucas e non probar o polbo á feira parece un «crime» gastronómico. Salvo que un sexa alérxico ao cefalópodo, case parece unha obriga catalo. Un dos postos que máis fans ten entre los sanluqueiros e sanluqueiras é a Pulpería Mario, que leva adiante Cesáreo Eijo e tamén se dedica ao servizo de cátering. Preguntámoslle polo éxito de tal segredo.

-¿Cantos anos hai que o posto de Pulpería Mario está nas San Lucas e por que mantivo o nome do anterior negocio?

-O anterior negocio uns 45 anos máis os 16 que xa levo estando eu. Con respecto ao nome, é complicado porque a impresión que vale é sempre a primeira e case sería imposible quitar un nome que leva moitos anos no mercado. O nome comercial é Pulpería Mario de Viveiro, para diferenciar doutra que é de Lugo.

-¿Como están a resultar as vendas na 860ª edición?

-Este ano son nove días de festa, nada que ver co habitual porque normalmente As San Lucas son catro ou cinco días impepinables e este ano colleron as dúas fins de semana. As San lucas son As San lucas. Quero dicir que é unha festa que ten 860 anos de antigüidade e iso tira moito. Sábado e domingo é un desbordamento de xente. Eu tamén traballo moito a nivel empresa, persoal municipal, de hospital, xulgado, institutos... de feito para venres damos alí a comida do Concello de Barreiros. Fanse moitas de empresa. As Quendas e Os Remedios, como que pasan máis desapercibas que As San Lucas. Xente de Asturias vai en pleno, Abadín, Pastoriza, Vilalba, Lugo, A Mariña enteira... Igual que ir á feira da Veiga, á Silvallana, vaise por sistema. É algo de toda a vida. Na época do meu avó había que ir ás San Lucas por tradición pero tamén hai que recoñecer que se están promocionando moitísimo. Xa fai dous anos fora Miguel o da comisión presentalas ao meu local en Xijón. Tamén foron a Lugo, Santiago ou León.

-¿Ata onde chega a cola para comer o polbo á caseta de Mario?

-Ata a igrexa da Virxe dos Remedios. Onte [por antonte] chegou ás escaleiras. A xente sabe ao que vai e que tén que esperar en días puntuais como o sábado á noite ou no día de san Lucas. Este ano está máis repartido. A pasada fin de semana foi boa, o venres abrimos e enchimos e o sábado a cola era dunha hora ou tres cuartos de espera.

-¿Cantos quilos de polbo se degustan ao longo das festas?

-Varios miles de quilos.

-Non dan feito para criar os polbos ao chegar outubro, entre o San Froilán e As San Lucas...

-Non, non teño problema ningún para conseguir polbo. Xa pecho a campaña do ano seguinte e así non movo o prezo do polbo. Como non teñas previsións... podeste atopar con tres euros en quilo de diferencia.

-¿Canto vale a ración en Mario?

-12 euros pero son dúas de Lugo, ben a gusto. Onte viñeron uns que comeran no San froilán e non a deron acabado. As colas son por algo, non son de casualidade. Pero non hai truco, so saber o que vendes e saber o que compraches. Despois cocelo, repousalo e comelo. A clave é que tén que agardar sempre o cliente polo polbo pero se é ao revés vaino atopar brando ou duro. Non é como unha pescada, que a podes comer cando che apeteza.

-¿Que máis ofrece?

-Ademáis de polbo, xamón, calamares, pincho moruno, que adobamos nós da cinta de lomo fresca, e chourizo.

-En calquera momento lle aparece Chicote no local...

-Non ten nada que facer nin en limpieza nin en calidade.

-Imaxino que xa sabe da polémica co restaurante galego «Irlanda». ¿E se lle vai de sorpresa?

-Penso que se aparece o faría para preguntarme como o consigo. Hai quen di que lle hai que facer un estudo a este negocio.

-¿Que é o que máis louban?

-¿Que é o que máis valora a xente? Servizo, limpeza e calidade porque hai poucos sitios que reúnan as tres condicións. Levamos moitos anos co negocio e seguimos tendo o mesmo cariño ao cliente que o primeiro día. Canto máis espera na cola máis hai que valoralo e tratalo mellor. Funciona cando das confianza, está todo á vista e non tes nada que esconder. Penso que hoxe en día hai en xeral unha falla de profesionalidade e de actitude na hostelería inmensa. Agardar 20 minutos polo pan nun restaurante non pode ser. Non hai nada que máis me gusta que que me saia o cliente da pulpería dicindo: «Estivo moi ben, chaval».