«Non hai problemas de integración, pero non hai tanta unión entre os inmigrantes»

María Cuadrado Fernández
m. cuadrado BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Os participantes no curso que comeza o luns en Burela recibirán informes válidos para renovar a súa residencia

15 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Concellería de Inmigración e Cooperación de Burela organiza cada mes unha actividade que persegue favorecer a integración da comunidade inmigrante nun municipio no que conviven 41 nacionalidades, sendo os caboverdianos seguidos dos peruanos os colectivos máis numerosos. O luns dará comezo un novo curso que permitirá acreditar o esforzo da integración.

-¿Cal é o obxectivo final desta actividade?

-Neste curso reciben información sobre a normativa vixente no seu novo país de residencia, sobre os servizos... Ademais, non hai que esquencer que os informes de integración sérvenlles para renovar as súas autorizacións de residencia en España, que teñen que facer cada cinco anos. Xa impartimos outros cursos deste tipo e temos previsto outro para comezos de ano.

-Ao do luns ¿asistirán principalmente participantes que non acudiron antes?

-Principalmente. Son cursos aos que acode xente de todas as idades, dos 20 aos 50 anos, de Nigería, Cabo Verde, Perú...

-Nos últimos anos Burela non recibiu a tantos inmigrantes como en décadas anteriores...

-É certo, pero tampouco se van tantos como se foron hai tres ou catro anos. A maioría, principalmente, marchou pola falta de traballo, pola crise. Pero creo que actualmente vaise mantendo a poboación.

-¿Que motivos continúan atraendo inmigrantes a Burela?

-A xente anímase a vir principalmente por dúas razóns, por traballo e por familia.

-¿Detecta problemas de integración?

-Non vexo problemas de integración, pero non hai tanta unión na comunidade inmigrante como había hai anos. Creo principalmente que é porque Burela vai medrando en poboación e a comunidade inmigrante cada vez é maior. Non vexo a mesma unión que anos atrais.

«Serían necesarias máis medidas de adaptación escolar tendo en conta a realidade de Burela»

-¿Como valora o servizo municipal e a formación dirixida aos inmigrantes?

-Eu creo que é moi importante. Pense que hai xente que chega a Burela sin saber cómo tramitar determinados documentos. Cando chegan soen vir nun primeiro momento ao Concello e tamén reciben información no centro de saúde. Onde si habería que incidir sería no tema da educación. Creo que serían necesarias máis medidas de adaptación escolar tendo en conta a realidade social de Burela. Moita xente que chega doutros países ven traballar e non dispón de tanto tempo para dedicarllo á educación dos fillos. E a iso haille que engadir que moitos non dominan ben o idioma.

-¿Canta xente acudirá ao curso?

-Sobre 20 ou 25 persoas. O curso durará 24 horas e impartirase desde este luns ata o día 25. Está financiado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo.