«A xente viaxa para ir de vacacións, eu fágoo porque me gusta correr»

Iván Díaz Rolle
IVÁN D. ROLLE BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

13 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A case ninguén pillou por sorpresa a magnífica actuación burelense Simón González Río no maratón de Chicago, outro dos World Marathon Major. Completou os 42 kilómetros en 2:37:52 e colouse no podio español. Non obstante, non estaba moi contento ao non superar a marca que o sacou do anonimato no Maratón de Nova York.

-Que sabor de boca lle deixou a súa experiencia en Chicago?

-Todo corredor busca mellorar a súa marca, así que sendo sincero non me quedei satisfeito porque estiven a dous minutos do meu tempo en Nova York.

-Que lle pasou?

-As circunstancias foron diferentes. A Nova York funme con máis antelación. En Chicago todo foi máis apurado; o jet lag afectoume máis, non puiden alimentarme como estou afeito... Todo iso fixo que na carreira non me sentise ben. Tiven unha inchazón abdominal que non me permitiu correr demasiado ben.

-E aínda así foi o 122 de máis de 45.000 corredores e o terceiro español...

-A marca do gañador masculino foi a peor dos últimos 23 anos, foi unha carreira rara. Pero si, o resultado, en realidade, é máis que bo.

-Como é a carreira?

-Non ten nada que envexar a Nova York. Sorprendeume tanto ou máis. Tamén hai moita xente animando, vívese de forma moi intensa. E en canto á organización diría que aínda me gustou máis esta. En Nova York a saída e o final están moi lonxe, hai que desprazarse. Aquí tiñan a saída e a meta nun mesmo parque inmenso.

-A súa actuación en Nova York deuno a coñecer. Como se leva?

-Agradécese, porque se ve que a xente está interesada no atletismo e nas carreiras populares. Para min todo foi positivo, non hai ningún tipo de presión nin nada parecido.

-Hai agora máis xente disposta a axudarlle economicamente?

-De momento ninguén se interesou, pero tampouco o busquei. Para min é un entretemento. Da mesma forma que a xente viaxa para ir de vacacións ou para facer turismo, eu fágoo para correr. Non sei ata que punto sería bo correr para unha marca ou un equipo. Aí si que esixirían compromiso e resultados e habería unha presión. Eu prefiro seguir nisto como un entretemento.