«É moi posible que fiche por un dos mellores equipos de España»

Xa adaptado á disciplina da residencia Blume, en Madrid, o atleta viveirense confesa que non seguirá no Lucus Caixa Rural


Adrián Ben (Viveiro, 1998) aínda non elixiu destino. Non renovará o seu compromiso co Lucus Caixa Rural, de Lugo, onde militou nas últimas tempadas, e enriba da mesa ten unha morea de propostas. Algunhas moi tentadoras. E moitas delas, dos principais clubs de atletismo do escaparate nacional. Con case toda seguridade, na nova tempada defenderá a un grande. O vixente campeón de España júnior dos 1.500 metros lisos e plusmarquista do campionato así o confesou a La Voz na súa primeira entrevista e na súa primeira visita a Viveiro desde que é inquilino da residencia Joaquín Blume, o centro de alto rendemento máis prestixioso do país.

-¿Como lle van as cousas por Madrid?

-Ben, moi ben. A adaptación foi mellor do que agardaba. Teño compañeiros na residencia e fóra que fan moito máis fácil o día a día. Madrid é unha cidade enorme que che ofrece moitas posibilidades. Levo alí pouco tempo, así que aínda me quedan moitas cousas por ver e por facer.

-¿Como é un día na Blume?

-Normalmente pola mañá vou ás clases [estuda fisioterapia], despois de comer estudo e pola tarde toca adestrar. Hai días nos que adestro pola mañá co grupo e estudo toda a tarde.

-¿É o que agardaba?

-É mellor, a verdade. Estou moi contento, e non só polo bo ambiente que hai na residencia senón tamén polas facilidades que che da o propio centro para que esteas cómodo e podas compaxinar os estudos e os adestramentos.

-¿Vese o futuro doutra maneira desde un centro de alto rendemento?

-O CAR vaiche dar facilidades para organizarte mellor e poder traballar nunhas boas condicións, pero eres ti quen de verdade tes que labrarte ese futuro máis próspero ao que ti te refires.

-Creo que non vai seguir ligado ao Lucus Caixa Rural e ten importantes ofertas enriba da mesa.

-É certo. E gustaríame darlle as grazas ao Lucus por todo o cariño e o apoio que me deu nestes últimos anos. No meu corazón levarei sempre ese club.

-¿E xa elixiu destino?

-Non. É moi posible que fiche por un dos mellores equipos de España, pero de momento non hai nada.

-Defender o escudo dun grande leva consigo unha maior responsabilidade.

-Creo que si, e agardo estar á altura da camiseta que vista.

-¿E cando debutaría co seu novo equipo?

-En principio no Cross Internacional de Atapuerca, onde me xogarei o primeiro paso para acceder ao campionato de Europa que se celebrará en Chia (Italia) e no que espero estar formado parte da selección nacional.

-¿Que obxectivos se marca para a nova tempada?

-O meu primeiro desexo é ter saúde, xa que a tempada pasada rompín o dedo dun pé e paseino bastante mal sen poder adestrar. En canto a marcas, agardo mellorar case todas (risas) e intentarei loitar polos títulos de campión de España tanto en pista cuberta como ao aire libre.

-Moita sorte.

-Grazas, e grazas unha vez máis a La Voz polo seu interese. Como dicimos os fondistas, saúde e quilómetros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

«É moi posible que fiche por un dos mellores equipos de España»