«Saín para medrar como xogador, agora quero facelo como técnico»

A MARIÑA

O exxogador alfocense debutou en Segunda División B cunha derrota ante o Onde Sempre-Xove (0-2)

06 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Juanma Marrube é un tolo do fútbol sala. Por iso tras poñer fin á súa longa e exitosa traxectoria como xogador comezou a traballar como directivo do Pescados Rubén. Fíxose cargo do filial tras o ascenso de Lucas ao conxunto feminino e agora adestra ao Boal asturiano, en Segunda B. Debutou, precisamente, ante o Onde Sempre-Xove, con derrota por 0-2.

-Non sería o inicio soñado...

-Non, especialmente porque o equipo non mantivo a identidade que viña mostrando e que lle intento imprimir. Quixemos gañar nos cinco primeiros minutos, puidéronnos as présas. E aínda así estivemos vivos ata o final, fallando incluso un penalti con 0-2. Tamén fomos capaces de defender catro minutos en inferioridade, por dúas expulsións, sen case traballalo.

-Gustoulle o Xove?

-É un equipo que coñezo ben, do que adestrei algúns xogadores... Eles estiveron máis preto do seu plan que nós do noso, e aínda así competimos. Creo que son un equipo que está nese gran pelotón que non debe pasar apuros e que, se lle saen as cousas, pode loitar incluso pola quinta posición.

-Vostedes só pensan na permanencia?

-Si. É a segunda campaña en Segunda B. Somos o club asturiano de maior categoría e pretendemos seguir séndoo. Iremos vendo onde nos pon a Liga, pero só pensamos en asentar o club na categoría.

-Como se sinte nos bancos, aínda lle custa asumir que xa non é xogador?

-Apostei por este deporte sendo novo e agora como adestrador sinto a mesma paixón que cando era xogador. Vou aprendendo pouco a pouco e os futbolistas axúdanme moito, tanto no filial do Burela o ano pasado como agora no Boal.

-Vese reflectido nos xogadores que adestra?

-Os xogadores agora barallan moitos máis conceptos e iso é grazas ao traballo que se ven facendo dende a base. Aínda así, nesta categoría hai moitos xogadores contra os que xoguei. Boto de menos equipos que como o Xove, que é filial do Burela, apostan pola xente nova.

-Non cansan tantos anos neste mundo?

-O traballo nunca debe faltar e menos cando é en algo como isto, que me apaixona. Quero seguir moito tempo nisto, teño ilusión. Hai anos saín do Burela para medrar como xogador, agora tamén quero medrar como adestrador.