«É unha mentira iso de que o Valadouro paga máis que ninguén»

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O preparador do conxunto de Ferreira non cre que o seu equipo estea obrigado a loitar polo ascenso a Preferente

05 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O adestrador do Valadouro non perde as formas cando se lle recordan certos comentarios sobre o seu equipo que están na rúa, pero no seu tono pódese comprobar que empeza a estar farto. Son calumnias, asegura, para as que non atopa explicación. «Non sei que pretenden dicindo esas cousas de que si temos que ascender, que somos o club que máis paga... Non se corresponden coa realidade e o único que conseguen é facer dano a toda xente que traballa para que o Valadouro teña sitio entre os mellores clubs da Mariña», di Julio Castro, un home «tranquilo» a pesar de que o seu equipo vén de perder o derbi mariñán ante o Foz.

-Moitos adestradores, sobre todo na Mariña, cren que o Valadouro é un claro candidato ao ascenso a Preferente. ¿Está de acordo?

-Non. Estou de acordo en que somos un equipo que ten que pelexar polos postos altos da clasificación, pero de aí a ser un claro favorito ao ascenso... Non hai esa esixencia por parte de ningún estamento do club. Fomos nós, os xogadores e eu como adestrador, os que nos marcamos a meta de estar entre os mellores da categoría xunto a outros equipos como a Residencia, o Santaballés, o Outeiro de Rei ou o Xove Lago que tamén están obrigados coma nós, ou incluso máis, a estar arriba.

-Ficharon a algúns dos xogadores máis cotizados do mercado mariñán: Manolo, Jandri, Hugo, Esteban, Adrián Ramos, Fran...

-Iso non quere dicir que o Valadouro fixera un esforzo económico máis grande ca outros equipos. Moitos deses xogadores están cobrando aquí menos do que podían estar cobrando noutros clubs, pero preferiron vir para o Valadouro por outras circunstancias alleas ao tema económico. É unha mentira iso de que o Valadouro paga máis que ninguén.

-Fálase de que Felipe Varela podería ser o seguinte en chegar.

-De Felipe Varela tamén se fala en San Cibrao, en Burela, en Foz... Sería un gran reforzo, non cabe dúbida, xa que estamos falando dun dos mellores xogadores da Mariña, pero da súa fichaxe polo Valadouro o único que podo dicir é que a directiva se está esforzando para poder traelo. Hai máis equipos interesados, polo que non vai ser fácil.

-¿Ve algunha plantilla mellor que a do Valadouro?

-Unhas cantas. A Residencia, que ademais adestra con 22 xogadores catro días á semana, a do Santaballés, que vén de reforzarse con Nico... Pero teño que deixar clara unha cousa: non cambio por nada aos meus xogadores, vou a morte con eles e calquera alineación que poda sacar o domingo non a cambio por ningunha, pero o que si me gustaría é contar cun fondo de armario máis amplo, xa que só temos 18 fichas.

-Como focense, ¿doeulle especialmente a derrota no Martínez Otero?

-Non. Hai tres anos fun co Candelaria, gañamos 0-2 e puidemos golear, e ese día funme con máis pena que este domingo. O sentimento de dor foi o mesmo que si perdéramos co Bóveda ou co Chantada B.

-¿Algo que obxectar á vitoria do Foz?

-Nada. Foi xusto vencedor porque o Valadouro non fixo nada. O Foz tampouco é que fixera grandes méritos, e moito menos para marcar tres goles, pero si fixo un partido máis completo que nós.

-¿Onde ve ao Foz ao remate da tempada?

-Se o respectan as lesións cos tres o catro xogadores importantes que teñen, pode rematar entre os catro o cinco primeiros. Ten o mellor adestrador da Mariña e unha serie de xogadores con moito potencial na categoría.