«Temos un potencial turístico enorme, pero aí non se fixo nada en 25 anos»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

pepa losada

O rexedor destaca o aumento de turistas e a necesidade de impulsar iniciativas para fomentar este sector no concello

08 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

-¿En que cambiou o Concello no seu mandato?

-O primeiro, sanear o Concello; foi vital; iso permítenos acceder a todo tipo de axudas, non temos ningún tipo de obrigación orzamentaria e nos da cancha para traballar con distintas opcións. E non so iso, é unha boa situación porque temos un remanente importante, e nos vai dar opción a enfrontarnos a algún dos retos que tiñamos dende un principio, como o polígono industrial, por exemplo, algo que temos avanzado. O máis foi a cantidade de postos de traballo que se crearon, se tirou polo emprego e a estas alturas van uns 120 postos creados. E logo as prestación sociais, sobre todo o que vai enfocado ós nenos e á terceira idade. Nos presupostos vai dedicada unha cantidade de 260.000 euros para atención ós maiores, son moitísimos cartos. E no tema dos nenos, o feito de que haxa banco de libros, de que todas as actividades sexan gratuítas, etcétera, pois nos converten nun Concello «apetecible» para todo aquel que teña familia. E despois quedan cousas que están cambiando máis no último ano pola colaboración que estamos mantendo co Concello de Alfoz; iso vaise trasladar nun aforro e nunha melloría dos servizos. No demais, a maneira de atender con toda a celeridade posible a atención nos servizos municipais: recollida, alumeado, vías de comunicación, o aforro en gasto de enerxía eléctrica, que axudou a sanear e dar as axudas ás asociacións de veciños, a participación das asociacións en parte do presuposto; se lles dan uns fondos, que esperamos incrementar o ano que ven, para que eles decidan en qué queren gastar os cartos (...).

-¿Que ten en carteira?

-Queremos levar a cabo o polígono, que urxe. Saíunos algo novo ó camiño coa nova Lei do solo e o que tiñamos preparados para o PXOM, temos que esperar a ver cómo é esa lei e en qué nos vai afectar para ver como facemos ese PXOM, porque existe a opción de ir a un deses xenéricos da Xunta, ou ter un propio, que sería o axeitado (...). A ver se terminan os cambios dunha vez e se pon en marcha. Logo o da escola, consolidala xa definitivamente co edificio, homologalo e empezar a facer convenios con xente para conseguir terras para os alumnos que se queiran instalar e logo empezar coa transformación, conserveiras e transformacións artesanais. Logo hai algo interesante que vimos este ano, coa afluencia de xente que houbo. Temos que darlle unha volta ó turismo. Estamos traballando para preparar os sitios de interese para que poidan vir os visitantes(...). Creo que temos un potencial enorme, pero aí si que está todo sen facer, non se fixo nada nos últimos 25 anos, aparte duns folletos turísticos estupendos. Nos apetece moito traballar nese tema, porque é unha fonte de recursos importantes, pode axudar a fixar poboación e crear novos negocios. (...)Vemos que hai xente que quere vir ó Valadouro, pero non ten onde hospedarse, hai que tratar de incentivar que se rehabiliten as casas das aldeas, que están caendo. Pode ser un atractivo, pero iso ten que ir acompañado de todo o que ten que facer o Concello (...). Logo estamos inmersos en proxectos a través da Unión Europea, a ver si saen, con Abadín, Viveiro, Muras, Ourol para iniciativas nos espazos naturais da Rede Natura, nos humedais na Serra do Xistral (...).

-A iniciativa con máis rebumbio mediático foi esa axuda de 600 euros para os bebés.

-Como mediático, si, pero iso é unha parte máis da labor que levamos facendo para a conciliación, quizás para min é máis importante o haber chegado a acordo coa compañía de transporte para os rapaces que van ós institutos, que lles supón ás familias un aforro mensual de cento e pico euros e sen embargo non transcendeu. Alumnos que pagan 100-120 euros ó mes, resulta que coa axuda dos dous concellos (Alfoz e Valadouro) con 25 euros ó ano están listos, o resto o absorbe o Concello, e ademais temos unha línea regular que pode utilizar calquera para ir a Burela ou Foz.