Santiago Pernas, pintor e fotógrafo

fran bouso

A MARIÑA

O artista naceu en Viveiro o 3 de novembro do 1881 e no 1910 abreu o seu gabinete fotográfico en Mondoñedo

30 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días atrás, visitando a uns amigos de Mondoñedo, puiden contemplar un cadro (paisaxe pintoresco) de Santiago Pernas Salazar que pertenceu á familia Cunqueiro e que foi restaurado por Juan Puchades. Este feito despertou interese en min por coñecer algo máis sobre a vida e a obra do citado pintor o cal me levou a saber que tal día coma hoxe, hai 65 anos, o 30 de agosto do ano 1951 finaba o fotógrafo e artista plástico mariñán Santiago Pernas.

Grazas ao impagable traballo investigador de Andrés García Doural sabemos que o pintor naceu en Viveiro o 3 de novembro de 1881 e que era fillo do capitán da Garda Civil José Pernas Díaz e de Ramona Salazar Martínez.

O ingreso dos seus irmáns, José e Jesualdo, no Seminario Santa Catarina de Mondoñedo en situación de alumnado externo motivou o traslado da familia Pernas a Mondoñedo. Foi na cidade da Paula onde Santiago desenvolveu as súas capacidades coma debuxante e pintor, destacaba xa de mozo nas especialidades de paisaxismo e retrato. A súa vocación era clara, pero pouco rendible polo que decidiu formarse na arte da fotografía.

En 1900 trasládase a Madrid, onde comeza a traballar de aprendiz no estudo dun fotógrafo alemán no que se facían principalmente retratos a destacados persoeiros da sociedade madrileña ou que por alí pasaba. Oito anos despois regresa a Mondoñedo e, logo de casar con Generosa Moirón Paz en 1910, abre o seu primeiro gabinete fotográfico, o “Modernista Pernas”, situado na rúa da Fonte. A maior parte da súa vida familiar e profesional transcorreu no barrio dos Muíños de Arriba, nun inmoble que se derrubou para construír unha casa de nova planta dentro do proxecto “Muíños 2002”. Tal e como se recolle na bitácora en liña Miscelánea Mindoniense: «Nesa vivenda naceron os seus fillos: Susana, Jaime, Jesualdo, José e Elvira, alí o fotógrafo desenvolve toda a súa arte pintando, dando clases de debuxo e fotografando a vida cotiá do seu momento». Moitos dos decorados fotográficos empregados no estudo dos Muíños foron pintados polo propio Santiago e nese inmoble continuou o oficio de cámara o seu fillo, Pepe de Pernas.

Milleiros de instantáneas

Cando se estaba a proceder ao derrubamento da casa de Pernas vin desde debaixo da parra que adornaba a súa fachada miles de fotografías e negativos en celuloide e cristal tirados no chan polo medio dos escombros. Afortunadamente, tiven a lucidez e o vagar suficiente para ir ao Concello a comunicar a situación coa finalidade de que ese legado non se perdera. A maior parte do material que se puido recuperar pasou a mans da fotógrafa Luísa Trigo que o dixitalizou, conservou, clasificou e expuxo ao público na fototeca integrada en Artesanía Os Muíños. Segundo o portal cibor.org, no que se poden ver algunhas instantáneas de Santiago e Pepe, a colección Pernas consta de 300 placas de cristal de 15x10 centímetros na súa maior parte fotos de estudo, de Santiago Pernas e case 3.000 negativos en branco e negro de 35 milímetros, de José Pernas. A paixón de Santiago Pernas pola pintura continúa viva hoxe da man dunha das súas netas, Beatriz Fernández Pernas, residente en Gondomar (Pontevedra) quen traballa diferentes técnicas plásticas coma o pastel, acuarela e sobre todo o óleo sobre tea.