«Nacín cun periódico entre os dentes»Traxectoria. A 1ª visita a Arxentina.

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Participou nas Xornadas de Historia Local de Foz, falando da emigración focega

04 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Martín Fernández Vizoso, focense de Cangas, afirma que naceu cun periódico entre os dentes. Onte interveu nas Xornadas de Historia Local que organiza A Pomba do Arco en Foz para falar da emigración focega, tema que ten investigado e do que publicou algúns libros. Hoxe, ás 20.30, na Casa da Cultura, Eliseo Fernández fala da guerrilla en Foz.

-Un breve resumo da súa vida profesional.

-Eu fixen filosofía e letras, filoloxía románica, en Santiago e Madrid; estiven dez anos dando clases nun colexio asociado á UNED e aí publiquei un libro no ano 81 que se chama El comentario de textos. Asimilación y sentido crítico. Tivo moito éxito e con ese libro déronme 250.000 pesetas daquela e marchei coa miña muller 45 días de vacacións a Arxentina e Uruguai naqueles anos. No 85 regresei a Galicia e ingresei na Voz onde estiven ata o 2000. (...) Tanto de xeito privado como na época da Voz e na Deputación e crucei un montón de veces o Atlántico e iso permitiume estar en contacto cos emigrantes (...).

-Un tema que o apaixona.

-Si, sen dúbida. É unha atracción que teño derivada do coñecemento de moitos emigrantes na miña infancia, como todos os que vivimos nesta zona, loxicamente teño familia na emigración, pero sobre todo ven desas circunstancias que acabo de explicar, de que fun por primeira vez no 81 a Arxentina e Uruguai, aí coñecín moita xente e logo fun unha ducia de veces tanto a Cuba como a Uruguai e Arxentina e aí, nos distintos viaxes nos centros emigrantes locais, Hijos de Vivero, de Ribadeo, Emigrados de Ritorto, etcétera, recadei moitísima información. Teño tódolos socios desas entidades. Si a iso lle suma que cando regresei de Madrid no ano 85 radiqueime en Santiago e visitei o Centro de Estudios Padre Sarmiento e na prensa da emigración fun anotando cousas que tiñan que ver coa Mariña (...)

-Onte participou nas Xornadas de Historia de Foz; xa non era a primeira vez que o facía.

-(...) Non. Aí xa dera a coñecer unha cousa moi importante da emigración que era un libro de un poeta de Cangas de Foz, Francisco Lourido, que publicou no ano 1880 en Puerto Rico un libro de poesía en galego. É o único poeta do Rexurdimento Galego que pertence á Mariña. A Pomba do Arco e a asociación de veciños que presidía meu sogro puxémoslle unha placa en Cangas que foi destrozada por algún fascista. Esta edición vou contar a relación que ten Foz con Cuba. As familias máis relevantes de Foz tiveron vínculos coa emigración. Por exemplo, os Couto. Bieito Couto tivo unha fábrica de tabaco moi importante que se chamaba La Niña Ana e un irmán seu, Ramón Couto, tamén estivo en Cuba, é o que construíu unha casa indiana moi bonita que hai en Foz que se chama Villa Modesta. Outra familia relacionada con Cuba e Arxentina foron os Mañón, tanto os de Marzán, que estiveron en Cuba, como os de Foz, que estiveron en Bos Aires e Rosario. Os Botes e sobre todo Jesús Cageao. Logo, o máis importante, o PSOE de Foz é un partido vencellado á emigración, foi fundado por emigrantes retornados, de maneira que no 36, todos os membros do partido socialista de Foz eran emigrantes retornados de Cuba. Paco Fuente, que foi alcalde, era delegado de Hijos de Valle de Oro, José Paz, padre do que foi alcalde, tamén chamado José Paz, era outro retornado de Cuba; Manuel Camba, tamén fundador do parido socialista e En Foz destacan Ramón Fernández Mato, casado en Valadouro estivo moito tempo en Foz, e xente que morreu na Guerra de Cuba (....) Lourido, que deixou unha profunda pegada nas casas indianas. Teño controladas unhas 25 casas indianas no concello de Foz (...)

-¿Bota de menos os anos de periodista?

-Moitísimo. Non boto de menos porque eu sigo a pé de obra diariamente. Son membro da directiva da Asociación de Periodistas de Galicia e logo sigo facendo periodismo todos os días. Eu aprendín a ler no colmado que tiña meu avó, que era ultramarinos, bar, casa de comidas, librería...Alí recibía periódicos de Madrid, como Ya, Pueblo, a Voz de Galicia, o Faro de Vigo. Vivín toda a vida entre periódicos e non podo pasar sen periódicos. Teño que ler tódolos días varios, senón estou mal.

-Estes augurios que lle fan á prensa en papel...

-No me lo creo, a xente necesita información; o que si que necesita é boa información, o que si que sobran moitos periódicos, moitos van desaparecer, pero os bos periódicos, por exemplo A Voz de Galicia, ten un futuro largo asegurado (...).

Traxectoria. Deu clases dez anos en Madrid, traballou en medios de comunicación, entre eles La Voz de Galicia, e publicou varios libros

A 1ª visita a Arxentina. Viaxou coas 250.000 pesetas obtidas coa súa primeira publicación